A Xunta de Galicia xa concedeu 1,1 millóns de euros en 14 axudas para paliar os danos causados en vivendas polos incendios forestais deste verán na comarca de Valdeorras, tal e como avanzou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, nunha reunión con propietarios de inmobles afectados.
Durante o encontro, no que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, a conselleira tamén explicou que se recibiron 39 solicitudes, número que pode aumentar dado que o prazo para presentar a instancia remata o vindeiro 2 de novembro.
Ángeles Vázquez lembrou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda sufraga o 100% do valor de reposición en caso de ruína da residencia habitual e de instalacións complementarias, e tamén ata ese máximo para cubrir os gastos de ser posible a reparación ou rehabilitación, sen que o importe poida superar os 122.400 euros. Para as residencias non habituais, a axuda pode abarcar os 61.200 euros, tanto no caso de determinarse a ruína como no de rehabilitación ou reparación.
Logo de incidir en que non poderán recibir axudas os inmobles en estado ruinoso ou abandonados antes dos incendios, a conselleira salientou que o dano no enxoval doméstico de vivendas ruinosas cóbrese cunha axuda do 100% dos gastos de reposición cun límite de 15.000 euros, cando sexa habitual, e dun 50% cun límite de 5.000 euros, cando sexa ocasional. Nos demais supostos, o importe é de ata o 100% co límite de 7.000 euros ou do 50% dos gastos de reparación ou reposición do enxoval, co límite de 3.000€, en función de que o enxoval sexa o da vivenda habitual e permanente ou o da vivenda ocasional, respectivamente.
A maiores, cómpre incidir en que estas axudas serán compatibles con outras subvencións, indemnizacións, axudas, ingresos ou recursos procedentes de sistemas públicos ou privados, estatais ou internacionais, ata o límite do valor do dano producido, ou, de ser o caso, da contía ou porcentaxe deste establecidas nesta resolución.
A Xunta dotou esta orde de axudas cun financiamento inicial de 3,2 millóns de euros para o período 2022-2024, aínda que este importe podería incrementarse en caso de ser necesario.