A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, mantivo un encontro de traballo co alcalde de San Cibrao das Viñas, Manuel Pedro Moreiras, e con representantes da Asociación de Empresarios Polígono de San Cibrao, representados polo seu presidente José Antonio Rodríguez, e pola xerente da asociación, Yolanda López.
Na xuntanza, os responsables da Xunta puideron afondar no coñecemento do documento elaborado pola asociación de empresarios do polígono industrial, unha actuación que lle corresponde impulsar ao Goberno de España, por ser a Administración responsable das infraestruturas ferroviarias.
Tal e como expuxeron os empresarios na reunión, a execución da terminal mercadorías serviría nun radio de 2 km á actividade industrial que se concentra no polígono de San Cibrao, no polígono de Barreiros, no Parque Tecnolóxico, no polígono do Pereiro de Aguiar e o no parque empresarial de Seixalbo, ademais do polígono que a Xunta vai desenvolver en Paderne de Allariz.
Deste xeito, a construción desta terminal ferroviaria é unha actuación que os empresarios de San Cibrao das Viñas defenden, co apoio de parte dos concellos da zona, por considerar que esta infraestrutura pode contribuír á competitividade deste pulmón industrial do sur de Galicia.
Na xuntanza co alcalde e cos empresarios de San Cibrao, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade trasladou a vontade da Xunta de seguir apostando pola mellora das conexións e pola seguridade viaria do transporte de mercadorías nesa contorna. Referiuse, así á solicitude xa trasladada polo Goberno ao Ministerio de Transportes de fondos de reconstrución do Next Generation para o impulso da prolongación do acceso ao polígono de San Cibrao e á Cidade do Transporte desde a A-52.
Doutra banda, e en relación coas actuación en marcha do Goberno galego, lembrou que neste momento está aberta a contratación para executar a mellora do firme e o reforzo da seguridade viaria no treito autonómico da estrada N-525 na contorna dos polígonos de San Cibrao e Barreiros, que suporá un investimento de 3,6 millóns de euros. O obxectivo da Xunta é iniciar as obras no verán e rematalas neste mesmo ano.
Tamén se puxo en valor os 22 millóns de euros que investiu o Goberno galego a Xunta para a posta en servizo do novo acceso ao polígono de San Cibrao das Viñas desde a A-52, no pasado mes de setembro, no que para o súa execución tivo que asumir a titularidade do citado tramo da estrada nacional. Esta conexión, que dispón de terceiro carril en máis da metade do trazado, permitiu reducir nun 60% o percorrido necesario para conectar o parque empresarial coa autovía, facilitando unha conexión máis directa, áxil e cómoda ao que é o gran pulmón empresarial de Ourense, favorecendo a súa competitividade.