O conselleiro do Medio Rural, José González, presentou os datos dun informe elaborado pola Xunta en colaboración coa Fundación Juana de Vega que constatan a situación xeneralizada de venda a perdas no sector de vacún de carne e máis concretamente en granxas de Ternera Gallega Suprema. Segundo este estudo -que a Xunta se comprometera a realizar, do mesmo xeito que se fixo co sector lácteo hai un par de meses-, o prezo mínimo estimado para cubrir o custo de produción neste eido é de 6,20 euros / quilo canal e os prezos percibidos actualmente por produtores de Ternera Gallega Suprema oscilan entre os 5,10 e os 5,20 euros / quilo canal.
Xa que logo, concluíu o conselleiro, “en números redondos estamos diante dunha diferenza de 1 euro por quilo entre o que terían que percibir os gandeiros para cubrir os seus custos e o que realmente cobran”, ou o que é mesmo, estase a dar unha situación de venda a perdas.
José González sinalou que estes resultados vanse trasladar aos asinantes do protocolo da cadea de valor da carne, coordinado pola Xunta, para que dispoñan de datos sobre a situación actual de venda a perdas, e incidiu na necesidade de cumprir a lei neste eido, para garantir a transparencia e a sustentabilidade do sector.
O conselleiro anunciou ademais que a Xunta está ultimando axudas directas ao sector de vacún de carne, cumprindo así o seu compromiso de complementar as achegas do Estado e avanzou que proximamente está previsto publicar no Diario Oficial de Galicia o anticipo da PAC, que os gandeiros poderán solicitar ás entidades bancarias sen ter que afrontar ningún tipo de custo financeiro. Así mesmo, en breve habilitarase unha liña de financiamento de circulante -tamén sen custo financeiro- de ata 25 millóns de euros que permitirá facer préstamos de liquidez para os gandeiros.
José González explicou que o informe presentado fíxose a partir dunha mostra dunha vintena de explotacións das catro provincias galegas, que presentan unha serie de conclusións canto ao balance de ingresos e gastos. Así, indicou, no primeiro caso, os ingresos medios máis importantes corresponden á venda de becerros e representan arredor do 54% do total. As subvencións acadan tamén un peso importante, supoñendo o 34% do total. En canto aos gastos, a alimentación é a partida que ten máis peso, cun 54% do total, e a continuación sitúanse as amortizacións, cun 11%.
Neste apartado de gastos -trasladou González-, cómpre ter en conta os incrementos rexistrados nos prezos de materias primas que vén padecendo o sector desde 2021, especialmente no que atinxe á alimentación do gando. Así, o conselleiro destacou que os prezos dos pensos de cebo para os becerros, do millo, do trigo ou da cebada medraron entre un 25 e un 35%, mentres que os da electricidade, o gas e outros combustibles subiron por riba do 21%.
Con todos estes datos enriba da mesa, José González sinalou que se constata, en primeiro lugar, que as explotacións de vacún de carne vinculadas a Ternera Gallega Suprema teñen unha baixa rendibilidade, que se traduce nunha marxe neta negativa cando se imputa como custo o salario propio das persoas propietarias, equivalente a 1,5 veces o Salario Mínimo Interprofesional. En segundo termo, que os prezos actuais non cobren os custos de produción, que se viron incrementados pola suba dos prezos das materias primas, da enerxía e de combustibles, entre outros. E, por último -e como consecuencia do anterior- que resulta preciso valorizar a carne de Ternera Gallega Suprema nos puntos de venda e que este aumento repercuta nos prezos que reciben os gandeiros.
Medidas da Xunta a prol do sector
Para conseguir este obxectivo, o conselleiro puxo en valor os esforzos e os traballos da Xunta a prol desa valorización, a través de diferentes iniciativas. Entre elas salientou especialmente o recente acordo histórico na cadea de valor do vacún de carne, e máis concretamente en Ternera Gallega, para frear a venda a perdas, un acordo -lembrou- coordinado polo Goberno galego. Ademais, tamén destacou a posta en marcha dunha campaña de promoción para valorizar este produto, que suporá un investimento conxunto de 1,4 millóns de euros a nivel nacional por parte da Consellería do Medio Rural e do Consello Regulador de Ternera Gallega. Neste sentido, o conselleiro lembrou que esta iniciativa aprobouse no Consello da Xunta hai dúas semanas e que se suma á campaña realizada nas redes sociais no Nadal.
Outras medidas trasladadas por González foron a posta en marcha do observatorio da cadea alimentaria, para loitar tamén contra a venda a perdas, así como da nova unidade que asume as funcións da Axencia de Control Alimentario en Galicia, con este mesmo obxectivo. A maiores, o conselleiro recordou que a Xunta segue reclamando ao Ministerio de Agricultura que faga cumprir a lei da cadea alimentaria para evitar, precisamente, a venda a perdas.
A maiores, José González puxo tamén en valor os traballos que se están facendo ao abeiro da Estratexia do sector cárnico, co obxectivo -salientou- de marcar co sector a folla de ruta que rexerá o seu futuro. Por último, o conselleiro destacou a importancia de Ternera Gallega, que se pon de manifesto cos seus principais datos económicos. Así, lembrou González, o número de produtores activos achégase aos 7.300, os canais certificados cada ano roldan os cen mil e o valor económico estimado sitúase nos 126 millóns de euros. Por iso, concluíu o conselleiro, “estamos falando de riqueza e emprego no rural galego, e por iso temos que seguir traballando para valorizar esta produción senlleira do noso agro”.