Infraestructuras

A Xunta construirá un itinerario peonil na estrada OU-540 no núcleo da Manchica

O obxectivo é mellorar a accesibilidade e o tránsito peonil, ademais das condicións de drenaxe en dous treitos. Executarase unha senda de 120 metros de lonxitude na marxe dereita da OU-540, con pavimento de formigón, respectando unha anchura de beiravía de 1 metro.

Óscar Gómez

Ourense | 14.02.2022 09:40

A Xunta construirá un itinerario peonil na estrada OU-540 no núcleo da Manchica
A Xunta construirá un itinerario peonil na estrada OU-540 no núcleo da Manchica | Xunta de galicia

A Xunta adxudicou as obras de execución dun itinerario peonil e de mellora da drenaxe e de marxes na estrada autonómica OU-540, no núcleo da Manchica, no concello da Merca. As obras, adxudicadas á empresa Consernor por un importe de máis de 48.000 euros, comezarán nas vindeiras semanas.

O obxectivo é mellorar a accesibilidade e o tránsito peonil, ademais das condicións de drenaxe no treito da vía autonómica comprendido entre os puntos quilométricos 14+705 a 14+825 e 14+950 a 15+045.

A intervención proxectada polo departamento de Infraestruturas da Xunta prevé a construción dunha senda peonil nun tramo da marxe dereita da estrada OU-540, entre os puntos quilométricos 14+705 e 14+825. O itinerario disporá de pavimento de formigón e unha anchura de entre 2,30 metros e 4,60, respectando en todo momento un ancho de beiravía de 1 metro

A intervención inclúe a rehabilitación do pavimento da franxa de aparcadoiro situada entre os puntos quilométricos 14+950 e 15+045, na marxe dereita da estrada, que se atopa deteriorada. Tamén se repararán zonas puntuais da cuneta na marxe esquerda da OU-540, entre os puntos quilométricos 14+705 e 14+780.

Adicionalmente nestas zonas prevese unha mellora das condicións de drenaxe con instalación de colector de pluviais na nova senda e os correspondentes elementos de recollida de augas, tanto na senda como no tramo de aparcadoiro rehabilitado.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa mellorando a rede viaria autonómica para favorecer os desprazamentos a pé de modo máis seguro e sustentable.