As futuras instalacións, que suporán un investimento de arredor de 400.000 euros, servirán para acoller persoal e medios do dispositivo de loita contra os incendios forestais da Xunta. Sumaranse ás tamén proxectadas este ano en Rianxo e Mondoñedo.
O conselleiro explicou que a posta en marcha desta base enmárcase dentro dos plans da Consellería do Medio Rural para os puntos de encontro das brigadas de incendios, que se están a reformular e que concentrarán non só estes profesionais, senón tamén outros traballadores do servizo como condutores de motobombas, axentes e outros, pasando a denominarse BUO.
Ademais, José González salientou a utilización de madeira de piñeiro e castiñeiro para fornecer unha edificación que procurará a súa máxima integración no medio e que terá como elementos fundamentais materiais ecolóxicos e reciclables, de forma que se tratará dunhas instalacións bioclimáticas coa máxima certificación enerxética.
Así, o proxecto desenvolverase nunha parcela de preto de 46.000 metros cadrados, sendo a superficie construída de algo máis de 223 metros cadrados, en planta baixa. Amais, todos os elementos estruturais proxectados foron desenvolvidos por empresas e universidades galegas e a produción realizarase con madeiras locais, baixo a filosofía de quilómetro cero.
Vestiarios e outros servizos
As instalacións contarán con vestiarios e duchas, zona de cociña, comedor, elementos de descanso e un pequeno despacho. Disporán tamén dunha área exterior cuberta de aparcadoiro para vehículos. Neste sentido, a futura base actuará como un contedor de servizos de protección forestal, que poderá funcionar como nodo de todos os actores participantes neste labor, favorecendo a conciliación entre descanso e traballo dos bombeiros e axentes, sen esquecer a súa integración na contorna.
Nesta liña, José González destacou que a construción e mellora de infraestruturas preventivas para o persoal e os medios, como é o caso destes BUO, súmase aos esforzos que se veñen facendo por parte da Xunta para dotar aos membros do operativo de vehículos todoterreo, motobombas, medios aéreos e dos equipos de protección individual necesarios.
Neste sentido, cómpre destacar a recente entrega de 28 vehículos todoterreo a axentes ambientais da Consellería, que se suman aos 33 que está previsto entregar ao longo deste primeiro semestre de 2023. Tamén, a contratación este ano de oito helicópteros para tarefas de coordinación e extinción, así como de cando menos unha ducia de equipos multifunción formados por tractor, cisterna, trituradora e polidozer (chamados batracios) e de máis de 15 motobombas.