O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, Félix Rubial, mantiveron unha reunión co alcalde do Carballiño, Francisco José Fumega, membros da corporación municipal e alcaldes da comarca para abordar a situación asistencial da especialidade de pediatría no centro de saúde da capital do Arenteiro.
O delegado territorial e o xerente explicaron que o centro de saúde do Carballiño conta con 2 prazas de pediatría (1 delas xubilouse en setembro e a outra está en comisión de servizos) e nestes momentos a atención pediátrica estase a cubrir con médicos de Familia Puericultor. Sen embargo e prevendo a situación convocouse por concurso de méritos, e sen necesidade de oposición, 1 praza para O Carballiño - A Ponte.
Esta modalidade extraordinaria de cobertura sen oposición é posible grazas a unha Lei de medidas excepcionais impulsada esta lexislatura pola Xunta, que introduciu este tipo de incentivos para facer fronte a escaseza de especialistas en determinadas áreas.
Gabriel Alén e Félix Rubial lembráronlle aos presentes que a partir das 15.00 horas, a atención urxente de calquera neno ou nena, tanto no Carballiño como en calquera outro punto de Galicia, faise nos Puntos de Atención Continuada; e que a Xunta de Galicia actúa en consecuencia e pon en marcha todas as medidas posibles dentro das súas competencias para solucionar a escaseza de profesionais sanitarios.
“Dende a Xunta -incidiron ámbolos dous representantes autonómicos- faise unha aposta decidida polos pediatras de atención primaria, e isto é por todos coñecidos xa que Galicia conta cunha das taxas máis baixas de ocupación de prazas de pediatría por parte de médicos de familia”.
Galicia é unha das poucas comunidades onde a atención pediátrica nos centros de saúde é realizada en case o 90% dos casos especificamente por especialistas en pediatría. E no 10% restante, a atención é realizada por médicos especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria, cunha formación sólida no campo da pediatría.
O número de pediatras en Galicia mantense a pesar do descenso da natalidade. Aínda así, sinalar unha vez máis que o Servizo Galego de Saúde está na continua procura de pediatras tanto para substituír os profesionais de baixa como para cubrir as vacantes que van quedando libres.
Medidas pioneiras ante a situación deficitaria de persoal médico
Ante a situación deficitaria de persoal médico especialista de pediatría, problema endémico en toda España, e dentro das competencias que a Xunta pode desenvolver, o Goberno galego adoitou medidas pioneiras como a través da lei de medidas fiscais e administrativas para 2022 establecer a creación da nova categoría de facultativo especialista de primaria e a súa provisión, de xeito extraordinario, por concurso de méritos.
Trátase dunha medida precursora en todo o Estado; unha medida que ofrece unha praza en propiedade por concurso de méritos, sen necesidade de pasar por unha oposición, tamén para aqueles profesionais que remataron a súa formación este ano. Graza a esa Lei, a Xunta lanzou no 2022 a oferta de 106 prazas de facultativo especialista de atención primaria para dotar de persoal as prazas vacantes de mais difícil cobertura.
Estas 106 prazas xa están resoltas e publicadas (das que 2 delas foron para O Carballiño-Ribadavia), son 106 profesionais que cobren cada un deles dúas gardas ao mes nos Puntos de Atención Continuada, co cal poderase contar con 212 gardas mais ao mes, o que suporá mais de 2.500 gardas ao ano.
A Xunta de Galicia continuou traballando para estender esta medida e poder consolidala. Para iso foi aprobada no Parlamento unha Lei de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Servizo Galego de Saúde, que permitirá á Xunta ofertar mais prazas en propiedade e a través de concursos de méritos, non só na atención primaria senón tamén nos hospitais comarcais
Estamos a falar de 423 prazas de persoal sanitario por concurso de méritos para cubrir postos de difícil cobertura, o que supón multiplicar por catro a convocatoria anterior. Entre estas 423 prazas están: 72 de facultativo especialista en atención primaria (4 convocadas para Carballiño), 59 de pediatría de atención primaria (unha desas prazas é para Carballiño/a Ponte), 109 de diferentes especialidades médicas nos hospitais comarcais e 173 de persoal sanitario nos programas iniciados ao abeiro do Plan de Saúde Mental.
A oferta foi aprobada a través do Decreto 32/2023, de 13 de abril de 2023 (DOG do 23 de abril de 2023). Os procesos selectivos xa están en marcha coa previsión de que antes de finalizar o ano podan estar resoltos.