Campaña Verano

A Xunta contrata 86 socorristas para piscinas e prais fluviais de Ourense

O obxectivo da iniciativa é incrementar e mellorar as oportunidades laborais de Galicia, mediante a contratación de persoas desempregadas, e dar un impulso aos traballadores das zonas menos poboadas da comunidade autónoma

Óscar Gómez

Ourense | 19.05.2022 10:27

A Xunta apoia os concellos á contratación de socorristas para piscinas e prais fluviais de Ourense
A Xunta apoia os concellos á contratación de socorristas para piscinas e prais fluviais de Ourense | onda cero

O delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, desprazouse ao CIFP A Farixa para interesarse polo ciclo de FP de acondicionamento físico, onde anunciou que a Xunta vén de resolver a convocatoria para apoiar aos concellos galegos á contratación de persoas desempregadas para a realización de tarefas de vixilancia das piscinas e praias fluviais de 57 concellos da provincia.

O delegado territorial explicou que coas axudas da Xunta por valor de 289.339,34 euros, poderán contratar a 86 persoas. Un 8% máis ca achega do ano pasado que permitirá financiar a contratación de 4 persoas a maiores.

Gabriel Alén, sinalou que o Goberno galego coopera coas entidades locais para cubrir estes postos no verán, durante un período de dous meses. Precisou que son os propios concellos os que teñen a competencia para contratar persoal de vixilancia e salvamento que garanta a seguridade nas praias marítimas e fluviais e nas piscinas.

A través desta convocatoria, o Goberno autonómico inviste 1,5 millóns de euros para apoiar en preto de 200 concellos galegos a contratación de máis de 450 desempregados e desempregadas para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social que os concellos soen destinar á contratación de persoal para a vixilancia das praias e espazos fluviais ou piscinas municipais. As contías irán dos 1.555 aos 2.700 euros segundo o grupo de cotización das persoas contratadas.

O obxectivo da iniciativa é incrementar e mellorar as oportunidades laborais do rural de Galicia, mediante a contratación de persoas desempregadas, e dar un impulso aos traballadores das zonas menos poboadas da comunidade autónoma.

Formación

A formación mínima acreditada que suporá a inscrición na Sección de Socorristas en Instalacións acuáticas requirirá posuír o Certificado de Profesionalidade de socorrismo en Instalacións Acuáticas; os títulos específicos de “técnico deportivo en salvamento e socorrismo” e “Técnico deportivo superior en salvamento e socorrismo”; a superación das catro Unidades de Competencia da cualificación profesional de socorrismo en instalación acuáticas, obtidas a través do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais.

No caso dos Graduados en ciencias da actividade física e o deporte, é necesaria a acreditación de ter superados os contidos correspondentes ao grao en ciencias da actividade física e o deporte, a titulación universitaria oficial equivalente; ou a acreditación de ter superados os créditos que dan dereito á obtención do título de licenciado/a ou graduado/a en ciencias da actividade física e o deporte.

No caso de outros títulos da familia profesional de actividades físicas e deportivas: requírese o título de técnico superior en ensinanza e animación sociodeportiva; o título de técnico superior en acondicionamento físico o título de Técnico Superior en animación de actividades físicas e deportivas; a acreditación de ter superados os módulos profesionais de valoración da condición física e intervención en accidente e de actividades físicodeportivas individuais; a acreditación de ter superados os módulos profesionais de valoración da condición física e intervención en accidentes e de acondicionamento físico na auga ou a acreditación de ter superado o curso de adaptación da actividade física e deportiva ao socorrismo en instalacións acuáticas.