Medio Ambiente

A Xunta controlará vía satélite as cortas de madeira nos montes galegos

Desta forma, se ditas cortas non contan co debido permiso administrativo, lánzase automaticamente un aviso aos axentes facultativos medioambientais para que visitan a parcela correspondente

Óscar Gómez

Ourense | 16.03.2022 13:18

A Xunta controlará vía satélite as cortas de madeira nos montes galegos
A Xunta controlará vía satélite as cortas de madeira nos montes galegos | onda cero

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, inaugurou unhas videoxornadas forestais para conmemorar o Día Internacional dos Bosques, que se celebra todos os anos o 21 de marzo. Estas videoxornadas están centradas na dixitalización e a descarbonización, así como no inventario forestal continuo de Galicia. Precisamente, o director xeral anunciou que a Xunta controlará vía satélite as cortas de madeira que se realicen nos montes galegos.

Así, o director xeral anunciou que o seu departamento vén de desenvolver unha ferramenta baseada en teledetección lonxana (Sentinel-2 e/ou outras fontes similares) que posibilita a detección de cortas no territorio galego, é dicir, que as propias cortas serán controladas vía satélite. Un proxecto elaborado en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Neste contexto, José Luis Chan recordou que en Galicia córtanse ao ano preto de 10 millóns de metros cúbicos de madeira, máis da metade do volume de corta en España, e que o número de solicitudes de corta supera as 55.000 ao ano, dispersas en preto de 85.000 referencias catastrais diferentes e nunha superficie media inferior ás 0,8 hectáreas. Debido a ese volume, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal xa ten operativo un sistema de control de cortas mediante imaxes satélites que posibilitará á Administración forestal coñecer en tempo real cando se producen as cortas.

Desta forma, se ditas cortas non contan co debido permiso administrativo, lánzase automaticamente un aviso aos axentes facultativos medioambientais para que visitan a parcela correspondente e, de ser o caso, levanten acta para iniciar un expediente sancionador.

Esta mellora tecnolóxica, apuntou o director xeral, súmase á creación dun repositorio de servizos que permiten automatizar trámites como son as propias solicitudes de cortas de madeira ou a presentación de proxectos de ordenación de montes.

Así mesmo, o director xeral tamén aproveitou para poñer en valor a plataforma dixital FORTRA (Trazabilidade Forestal), creada pola Xunta, para que as empresas poidan informar a clientes e consumidores das características dos seus produtos elaborados a partir de madeira, incluíndo a súa pegada de carbono, así como o bosque do que proceden e as operacións de transformación que foron necesarias para a súa elaboración.

Precisamente, sinalou José Luis Chan, FORTRA enmárcase no obxectivo do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica” de conseguir un monte dixitalizado e tecnificado (medida V.1.2.), así como no de crear unha xestión forestal activa para o incremento da capacidade de fixación de carbono e a resiliencia das masas forestais ao cambio climático.

Dita plataforma, engadiu, levouse a cabo ao abeiro da Estratexia de Dixitalización e Descarbonización (D&D) que tanto a Consellería do Medio Rural como a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia veñen desenvolvendo nos últimos anos, concretamente dentro do programa Primare de impulso da dixitalización no sector primario que dita Axencia vén levando a cabo en materia de prevención e apoio na extinción de incendios, instrumentos de mobilización de terras, entre outros.

Esta nova era dixital que a Consellería do Medio Rural abriu para o sector forestal supuxo, destacou o director xeral, un antes e un despois e culmina así a Estratexia de Dixitalización e Descarbonización (D&D) na que a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal leva traballando nos últimos catro anos xunto coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Por último, José Luis Chan destacou tamén o Inventario Forestal Continuo de Galicia, recollido no eixo V do Plan forestal de Galicia, que se constitúe como un instrumento básico para coñecer e recoñecer a realidade da superficie forestal e avanzar así nunha mellora da súa xestión. Neste senso, José Luis Chan explicou que a través deste mecanismo poderanse facer diagnoses adecuadas e tomar decisións políticas públicas ou empresarias relacionadas co sector, afondando no desenvolvemento sustentable do medio rural.

Pola súa banda, o director da Área de Transformación Dixital da Facenda Autonómica da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Víctor Coladas, lembrou que o Plan Forestal de Galicia ten entre os seus propósitos máis importantes, ademais de implementar o inventario forestal continuo en Galicia, o de desenvolver o programa dixital galego de información e estatística forestal. Destacou tamén os obxectivos de acadar que “os propietarios obteñan o maior rendemento do bosque e, ao mesmo tempo, permitan cumprir cos obxectivos medio ambientais europeos”. Subliñou tamén o “fomento da investigación e a formación ao servizo dos intereses de todas as ligazóns da cadea forestal”.

Coladas enmarcou esta actuación no obxectivo de desenvolver un territorio intelixente adaptado ás características sociais e económica de Galicia, reflectido na Estratexia Galicia Dixital 2030. Un dos eixos desta Estratexia desenvolve o programa de innovación dixital para a potenciación do medio rural, que se complementa cos programas de xestión territorial intelixente, de sustentabilidade ambiental e de xestión intelixente de emerxencias e prevención de riscos.

Contido da webinar

Esta webinar conta coa participación de responsables e técnicos da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, e outros representantes de diferentes departamentos da Xunta, tales como a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ou o Instituto Galego de Estatística. Ademais, tamén están a participar expertos das universidades de Vigo e de Santiago, así como de empresas especializadas do sector forestal da nosa comunidade.

A primeira das videoxornadas -sobre dixitalización e descarbonización- abordará aspectos como o fondo documental do monte galego, o sistema de indicadores forestais en tempo real ou os servizos web aplicados ao sector forestal de Galicia. Tratarase tamén a plataforma para a introdución dos instrumentos de ordenación e xestión forestal, así como a rastrexabilidade da madeira baixo tecnoloxía blockchain.

Pola súa banda, a segunda webinar, do día 18 de marzo, xirará arredor do Inventario forestal continuo de Galicia. Así, haberá achegas de diferentes expertos sobre os primeiros resultados do prototipo de mapa forestal a nivel de concello, sobre o informe sociodemográfico da rede base do inventario e dos solicitantes de aproveitamentos forestais e sobre a rastrexabilidade da actividade forestal.

Esta iniciativa vai dirixida especialmente ás organizacións que compoñen o sector forestal galego, xa sexan asociacións de produtores e de transformadores, empresas de servizos, sistemas de certificación, organizacións ambientais, organizacións profesionais agrarias, administracións públicas, centros de investigación etc. Os interesados en participar na segunda quenda, que terá lugar este venres 18 de marzo, poderán inscribirse remitindo un correo electrónico ao enderezo forestal.mediorural@xunta.gal co título “videoxornadas forestais”, xuntando nome e apelidos, organización á que se pertence e e-mail de contacto (isto último non será preciso se coincide co do envío).

A información adicional sobre este evento, xunto con outros de carácter forestal nos ámbitos galego, estatal, europeo e internacional, pode atoparse no seguinte enderezo web: https://ovmediorural.xunta.gal/es/actividades-formativas/eventos-forestales.