O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén e o xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Rubial, informaron no Hospital Comarcal de Verín da próxima convocatoria , pola vía de concurso de méritos de 26 prazas de facultativos especialistas para o Distrito Sanitario de Verín, delas 20 de diferentes especialidades neste hospital e 6 nos centros de saúde.
Esta iniciativa repite a exitosa iniciativa posta en marcha pola Xunta de Galicia para facilitar a cobertura de prazas de persoal facutativo de atención primaria en áreas de dificil cobertura deste persoal, que permitíu dotar de 21 médicos titulares centros de saúde da provincia, como nos concellos de Laza, Verín e Monterrei.
En concreto, o delegado territorial e o xerente precisaron que o cadro de persoal do Hospital de Verín ofertará 20 prazas de persoal especialista: 4 cirurxía ortopédica e traumatoloxía, 3 de cirurxía xeral do aparello dixestivo, 3 de medicina interna, 3 de medicina de urxencias, 2 de pediatría; e unha de análises clínicas, oftalmoloxía, reumatoloxía, endocrinoloxía e nutrición, ademais de unha de enfermeira esoecialista en saúde mental.
O delegado territorial e o xerente explicaron que esta convocatoria de máis de 400 prazas, avanzada este mes polo Presidente da Xunta Alfonso Rueda, realizarase ao abeiro da Lei 2/2022 de medidas extraordinarias para a provisión de postos de difícil cobertura, prazas que quedan desertas nos concursos de traslados, aprobada o pasado outubro polo Parlamento de Galicia e que permite a convocatoria mediante concurso de méritos (é dicir, sen oposición) de prazas en propiedade en categorías como facultativo especialista de atención primaria, pediatría de atención primaria, as especialidades médicas nos hospitais comarcais ou as prazas sanitarias vinculadas ao Plan de Saúde Mental de Galicia.
Dita lei ampliou a experiencia exitosa do primeiro concurso de méritos convocado pola Xunta de Galicia en 2022, que logrou que máis dun cento de especialistas en medicina de familia tomasen posesión dunha praza fixa en centros de saúde que levaban tempo sen médico estable. Deles, 21 incorporáronse en centros da provincia de Ourense.
Iniciativa da Xunta ante a falta de reformas no eido estatal
A necesidade de dotarse de máis recursos humanos e cubrir prazas vacantes en zonas de difícil cobertura da comunidade motivou que a Xunta de Galicia impulsara esta medida lexislativa, que incentiva a provisión destas prazas ao ofrecer a maior estabilidade (praza fixa en propiedade) co sistema de acceso máis sinxelo.
Ademais, os residentes MIR destas especialidades que terminen a especialidade en maio poderán optar a estas prazas e ser persoal fixo neste mesmo ano, ao permitírselles inscribirse con carácter previo e acreditar o título da especialidade unha vez a rematen. A Xunta prevé resolver o concurso á volta do verán e as condicións para os adxudicatarios serán a de permanecer en activo nelas durante un mínimo de 2 anos.
Esta necesidade de incentivar as prazas de difícil cobertura fora xa obxecto dun acordo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde aprobado por unanimidade en abril de 2018 no que se establecía a necesidade de reformar a lexislación do Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde a tal efecto, un acordo que permanece incumprido desde entón.
Do mesmo xeito, o impulso do sistema de concurso para a selección de persoal sanitario especialista é unha recomendación incluída no ditame da Comisión para a reconstrución social e económica creada no Congreso dos Deputados, que continúa sen cumprirse por parte do Goberno de España dous anos despois da aprobación dese ditame.
Deste xeito, a Xunta aborda con medidas innovadoras o déficit de médicos e profesionais sanitarios, unha situación que afecta a todas as comunidades autónomas nestes intres mentres continúa o incumprimento dos compromisos de reforma da lexislación estatal e venceu a finais de 2022.