Empresas

A Xunta destaca a aposta pola innovació da empresa ourensana Formato Verde

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, visitou a compañía, que deseñou co apoio do programa DeseñaPeme un novo contedor de residuos de carga vertical para o mercado europeo.

Óscar Gómez

Ourense | 19.07.2023 07:50

A Xunta destaca a aposta pola innovació da empresa ourensana Formato Verde
A Xunta destaca a aposta pola innovació da empresa ourensana Formato Verde | onda cero

Argerey destacou a importancia de incorporar o deseño dentro da estratexia das empresas como motor de innovación, sustentabilidade e competitividade. Neste sentido, puxo como exemplo de innovación en produto a través do deseño a Formato Verde, que co modelo City.Bin consegue unificar diferentes versións de colector nun novo produto. Pensado para o mercado francés e europeo en xeral, achega valor e diferenciación no mercado. Para o seu desenvolvemento recibiu unha axuda do programa DeseñaPeme 2021 por importe do 50% dos custos do proxecto.

Argerey lembrou que está actualmente aberta a convocatoria 2023 deste programa de axudas -ata o 14 de agosto-, que nesta edición se convoca conxuntamente co programa InnovaPeme. O obxectivo de ambas liñas é impulsar a competitividade nas pequenas e medianas empresas galegas a través do deseño e a innovación.

Cunha dotación total de 4,5 millóns de euros, aspira a financiar 60 plans de deseño e innovación. As pemes pódense presentar a unha ou ás dúas liñas. A través de DeseñaPeme apóiase a innovación en produto, servizo e experiencias, marca e identidade, mentres que InnovaPeme céntrase na innovación en procesos e organización. Entre os obxectivos desta convocatoria atópanse promover unha cultura da innovación continua e sistemática nas pemes galegas, incrementar o número de empresas innovadoras e aumentar a súa competitividade.

Formato Verde tamén foi beneficiaria do programa InnovaPeme no ano 2017. A través do plan de innovación desenvolveu un departamento de I+D+i e impulsou o lanzamento de novos produtos para reforzar a súa diferenciación no mercado e a mellora da competitividade coa redución de parámetros como tempos de proceso, stocks ou tempos de desenvolvemento de novos produtos.