Empresas

A Xunta destaca a capacidade de transformación e a iniciativa do sector téxtil galego

Lembra o apoio do Goberno galego á dixitalización e a innovación do tecido produtivo, especialmente das pemes, a través do Plan de reactivación e dinamización

Óscar Gómez

Ourense |

A xunta destaca a inciativa do textil | onda cero

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou en Vigo na presentación da xornada O futuro da moda na nova realidade, onde resaltou a aposta continuada das empresas do sector galego da moda pola transformación, a adaptación e a rápida resposta ante os novos retos que xorden no actual contexto económico e, concretamente, a aposta pola dixitalización e a innovación tecnolóxica nos procesos de produción, distribución e vendas.

O encontro, que se desenvolveu en formato presencial e dixital, contou coa participación das principais asociacións do sector téxtil en Galicia e en España e directivos de empresas tanto desta industria como da distribución comercial, que afondaron nas tecnoloxías e a innovación aplicada á produción, a comercialización e a loxística; os novos modelos de negocio, o comercio electrónico e a reinvención dos puntos de venda; os novos hábitos de consumo e comportamento social; e as apostas por unha moda máis sostible.

O director do Igape animou ás pemes, grandes empresas e agrupacións téxtiles que asistiron á xornada a seguir desenvolvendo as competencias dos equipos directivos e dos traballadores nun momento no que a dixitalización, e a economía verde e circular son claves para manter e incrementar a competitividade dun sector fundamental para a economía galega. Ademais, agradeceu a súa rápida resposta de subministración e fabricación de material de protección desde o comezo da pandemia provocada pola covid-19.

Puxo de manifesto, ademais, o compromiso da Xunta no apoio á dixitalización, a implantación das novas tecnoloxías e a fábrica intelixente a través do Plan de reactivación e dinamización de Galicia, que reforza proxectos xa en funcionamento neste eido e crea medidas novas. Guldrís apuntou tamén que o Goberno galego defende o avance na economía verde e a transición enerxética xusta, compatibles co impulso á Industria 4.0 e o desenvolvemento tecnolóxico, e puxo de relevo o potencial que teñen na creación e aproveitamento de novas oportunidades industriais e na xeración de emprego.

A xornada forma parte da iniciativa formativa Empresa intelixente. Competitividade e crecemento empresarial en Galicia, que abordará a situación de sectores estratéxicos galegos e que se desenvolverá durante outubro e novembro en Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña. Posto en marcha pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Igape, en colaboración coa Asociación para o Progreso da Dirección (APD) e o Círculo Financeiro de Galicia, o ciclo de encontros enmárcase no programa Capacita Directivos.

Así, o director do Igape salientou que, desde 2015, ao abeiro deste programa realizáronse 61 actividades formativas nas que participaron 10.000 asistentes, aos que se sumarán os 1600 previstos nas accións que se están a realizar en 2020, co obxectivo de desenvolver novas competencias nas persoas e nas empresas mediante a formación en eidos como estratexia, xestión e tecnoloxías vinculadas ás oportunidades que achega a Industria 4.0. e a dixitalización.