A Xunta destina 6M€ a pemes, comercio e autónomos para o seo plan de dixitalización
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reuniuse mediante videoconferencia con representantes da Confederación de Empresarios de Ourense
Óscar Gómez
Ourense | 18.05.2020 13:33
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, acompañado da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, mantivo unha videoconferencia coa Confederación de Empresarios de Ourense, na que lles trasladou as novas medidas que o Goberno galego está activando para iniciar a recuperación económica e paliar as consecuencias da crise derivada do Covid-19. Destacan os apoios por un importe total de 6M€ para a internacionalización de pemes, comercio e autónomos a través do Plan de dixitalización, a chave que permitirá abrir novos mercados e reactivar a economía galega.
Así, o programa Galicia Exporta Dixital, que está en marcha con 2M€ de orzamento, reforzarase cunha nova convocatoria a finais de xuño que lle permitirá sumar outros 4M€. Está dirixido a pemes, comercios minoristas e autónomos que, en concorrencia non competitiva, poderán acceder a apoios de ata o 80% nos seus proxectos de internacionalización dixital como selección de mercados e canles de vendas, plans de mercado electrónico, asesoramento xurídido e legal, adquisición de equipos de última xeración, creación de tendas e catálogos en liña, campañas de posicionamento e servizos de call center internacional.
Con esta iniciativa, preténdese adaptar os negocios á situación xerada polo Covid-19, utilizando a dixitalización como a panca que reactivará a posición de Galicia nos mercados internacionais, abrindo novas oportunidades para mellorar a competitividade do tecido empresarial.
A medida forma parte do Plan de dixitalización que a Xunta acaba de aprobar e que mobilizará 40M€. Ademais das axudas á internacionalización, inclúe apoios para a adquisición de material e desenvolvemento de procesos produtivos que permitan dixitalizar as empresas; facilitar o teletraballo; e impulsar a dixitalización tanto no eido da economía social, como nos proxectos do rural e no comercio de proximidade.
Ademais de explicar estas novas medidas, durante a videoconferencia Conde interesouse por como se está desenvolvendo a volta á actividade no tecido empresarial da provincia de Ourense -que alberga un dos maiores parques industriais de Galicia, o polígono de San Cibrao das Viñas- e quixo contar coas achegas do empresariado ourensán para superar esta situación.
Conde tamén lembrou que o Goberno galego está afrontando o contexto actual desde a prevención -co reparto de preto de catro millóns de máscaras no tecido empresarial, a elaboración de guías de seguridade e saúde laboral ou liñas de axudas por 7,5M€ para a fabricación de material sanitario e de protección en materia laboral-; a inmediatez, con apoios para inxectar liquidez a pemes e autónomos e aliviar as cargas fiscais; con transparencia e información, grazas á posta en marcha da xanela única do Igape Responde; e desde a anticipación, consultando a expertos e aos principais axentes económicos e sociais para deseñar as mellores medidas que permitan iniciar a recuperación canto antes.