O Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou en Ourense diversos establecementos adheridos ó programa Bono Comercio que acada a sua V edición. A campaña está dotada con 2,5 millóns de euros cos que pretenden movilizar dende a administración autonómica 12 millóns de euros en vendas.
Un total de 6583 negocios adheríronse á iniciativa nas catro provincias galegas. A Xunta está a destinar 2,5 millóns de euros, cos que prevé mobilizar 12 millóns de euros en vendas nos establecementos de proximidade galegos, co obxectivo de incentivar a demanda e atraer nova clientela ao sector.
Os bonos descargados poderán utilizarse ata que o importe total dos descontos efectivamente realizados en compravendas acade o orzamento da convocatoria. Na última edición superáronse os 6.700 negocios participantes. En total, nas catro edicións anteriores acadáronse os obxectivos, mobilizándose no sector comercial retallista máis de 65,7 millóns de euros.
Dinamizar economías locais
O conselleiro destacou a relevancia do comercio na xeración de emprego e na dinamización das economías locais, como parte fundamental no crecemento económico e social de Galicia. Indicou que estas actividades non se poden desligar do emprendemento, unha das grandes apostas do Goberno galego.
Avanzou que nesta Lexislatura abordaranse aspectos como a innovación do sector retallista e a súa dixitalización. Apostarase pola fidelización da clientela e por axudar ao sector para ofrecer cada vez un produto máis diferenciado, un aspecto clave para garantir a súa viabilidade, trasladou o titular de Emprego.