O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou na constitución da Comisión Provincial de Coordinación Policial de Loita contra os Incendios Forestais para a campaña deste ano 2024, que estará operativa desde o 1 de xullo ata o próximo 30 de setembro, período establecido como época de alto risco de incendios forestais. O obxectivo desta reunión é o deseño de actuacións conxuntas para previr os lumes e loitar contra a actividade delituosa incendiaria.
No transcurso da reunión presentáronse os distintos medios cos que se contará para loitar contra o lume durante a presente campaña, así como a competencia que terá cada un deles a través do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, Pladiga 2024. Ademais avaliáronse os plans operativos na provincia e coincidiuse en levar a cabo unha actuación que cubra todas as frontes necesarias: detección, disuasión, investigación e extinción.
O delegado territorial indicou que o dispositivo de loita contra incendios previsto este ano na provincia ourensá é similar, en liñas xerais, ao do pasado exercicio en canto a número de efectivos. Así, este dispositivo estará formado polas brigadas autonómicas e municipais, os parques de bombeiros e os grupos de emerxencia supramunicipal (GES). A estes medios hai que engadir a Unidade Militar de Emerxencias (UME), os membros da Garda Civil do Seprona, a Policía Autonómica e Nacional, e membros dos equipos de investigación, “sempre baixo o mando único da Xunta de Galicia”, sentenciou.
O delegado territorial fixo fincapé na importancia da coordinación nesta materia e subliñou que a Dirección Territorial da Consellería de Medio Rural celebra comités policiais cada tres semanas para o seguimento das accións conxuntas en materia de prevención e loita contra os lumes.
Manuel Pardo e os representantes das outras administracións subliñaron a importancia de manter a coordinación entre as distintas administracións nas actuacións que se levarán a cabo nesta materia co fin de conseguir un cambio de comportamento social para reducir os danos medioambientais producidos polos lumes forestais. Ademais, apelaron á responsabilidade dos cidadáns para que extremen as precaucións e denuncien calquera actividade delituosa incendiaria da que teñan coñecemento no teléfono gratuíto e anónimo 900815085.
Pladiga 2024
O principal obxectivo do Pladiga é o de reducir ao máximo posible, tendo en consideración os recursos dispoñibles, as consecuencias ecolóxicas, económicas e sociais producidas polos incendios forestais.
Entre as principais novidades da actualización de 2024 están as melloras no persoal, coa aplicación efectiva do aumento do tempo de traballo dunha parte do persoal laboral, pasando a traballar sete meses nesta anualidade, oito meses no 2025 e nove meses no 2026. Hai que ter en conta que dous terzos deste persoal xa traballa ao longo de 12 meses. Así, o operativo estará integrado en total por máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta como os adscritos a outras administracións. Este é un dato semellante ao das últimas campañas.
Manuel Pardo explicou que Galicia contará un ano máis con arredor dunha trintena de medios aéreos contra o lume, entre os da Xunta e os que aporta o Estado. En terra haberá preto de 380 motobombas, contabilizando tanto as da Xunta como as municipais. Cómpre destacar, neste sentido, a recente entrega de 18 motobombas novas. Ademais, mobilizaranse ata 30 medios aéreos, achegado tanto pola Xunta como polo Estado, unha cantidade semellante á da anterior tempada de alto risco.
Con respecto ás melloras materiais, salienta a adquisición de seis novas máquinas hidrostáticas polivalentes. Trátase de máquinas autopropulsadas que permiten realizar tanto traballos preventivos de roza (incorporando, de accesorio, un brazo lateral con disco de corte) como de extinción, ao dispoñer de espazo para depósito de auga con lanza e enganches para mangueiras e soprador de aire para limpeza de calzadas e gabias.
Así mesmo, destaca a entrada en funcionamento, este ano, da base de medios aéreos de Verín-Oímbra ou a construción de 44 novos puntos de auga, así como o mantemento dos 4.843 puntos existentes, para prestar servizo aos medios aéreos e terrestres do Servizo de Prevención e Defensa contra incendios forestais (SPIF).
Rede de vixilancia
En relación coa rede de vixilancia forestal, este ano increméntase en 24 o número de cámaras, en 12 localizacións diferentes, tres en cada unha das provincias. Así pois, amplíase a rede ata chegar ás 177 cámaras en 88 localizacións. Este servizo abrangue xa máis do 85% do territorio galego. Implantouse no ano 2018, coa finalidade de facilitar as tarefas de vixilancia do monte galego e a detección temperá dos incendios.