Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, achegouse á zona da estrada OU-150 para supervisar as obras que está a executar a Xunta para habilitar unha senda de Valdorregueiro. Un itinerario que, tal e como explicou, acadará os case 1 km de lonxitude, comezando no cruce coa N-525 e descorrendo pola marxe dereita da vía autonómica para finalizar na ponte sobre o rego que da nome a este novo itinerario na cidade.
A titular de Infraestruturas da Xunta lembrou que este itinerario se enmarca nun contrato maior que recolle a execución doutra senda na OU-101, en Montealegre. Neste caso, precisou, é unha senda de 1,2 km, pola marxe dereita da estrada, para dar continuidade ao treito de beirarrúa que xa hai, acabando no punto onde está a parada e a marquesiña de autobús.
Deste xeito, segundo abundou a conselleira, ambas as actuacións da Xunta permitirán, en conxunto, habilitar 2,2 km de novos itinerarios nas marxes destas dúas estradas autonómicas cun investimento autonómico global de case 1,6 M€. Trátase, incidiu, de favorecer a mobilidade a pé dos veciños de Ourense en condicións de seguridade nestas vías que non dispoñían dun espazo propio e diferenciado para o tránsito peonil.
Apuntou que as obras da senda de Valdorregueiro, cuxos traballos están en marcha desde outubro, están moi avanzadas e en poucas semanas a obra estará rematada. Boa parte do itinerario está xa formigonado e, tal e como concretou, hai construídos 850 metros, polo que restan só 130 metros que se rematarán en cuestión de semanas, xunto co sementado da zona verde, a colocación de barreiras e varandas e refuxios nas paradas de autobús. No caso da senda de Montealegre, os traballos comezáronse máis tarde, polo que se está iniciando agora a execución dun dos catro muros e a base da senda.
Ethel Vázquez indicou que estas sendas serán, en ambos os casos, de uso mixto, peonil e para ciclistas non deportivos, cun ancho variable, pero cun mínimo de 1,8 metros que garante a accesibilidade. Van separadas da estrada por distintos elementos: vexetación máis bordo, de 1 metro de ancho, bordo de sinalización ou a combinación destes dous elementos. O bordo, ademais, vai sobreelevado uns centímetros sobre a vía para maior seguridade dos peóns.
A execución destes itinerarios compleméntanse con outros traballos necesarios, como a construción de muros de sostemento, 9 en total; a mellora da drenaxe; a preinstalación de canalizacións de servizos; reforzo da sinalización; sistemas de contención para vehículos; varandas de protección para os peóns; e a instalación de novas marquesiñas de autobús.
A titular de Infraestruturas incidiu no comprometido hai xustamente un ano, cando se licitaron estas obras, e no obxectivo de poñer á disposición dos veciños de Ourense destes 2,2 km de novas sendas en Valdorregueiro e en Montealegre para facer os seus desprazamentos cotiáns a pé de xeito máis cómodo, seguro e saudable, logo dun investimento da Xunta de preto de 1,6 M€.
Ademais, para acadar un itinerario continuo onde remata a senda en execución de Valdorregueiro, que é xusto antes da ponte sobre o rego Val dos Gozos, estase a redactar o proxecto para definir as actuacións necesarias para executar unha pasarela peonil sobre a ponte de arredor de 60 metros, que permita darlle continuidade á beirarrúa existente, tamén pola marxe dereita, ata o núcleo de Cudeiro. Agárdase en xuño poder dispoñer do proxecto para a súa supervisión, antes da licitación das obras.
humanización da avenida das Caldas
Ethel Vázquez tamén se referiu á senda rematada na estrada OU-150 no mes de febreiro, no municipio de Coles, coa que se conectan as beirarrúas xa existentes dos núcleos das Barxas e Sobral, cun investimento da Xunta de 48.000 €. No concello de Ourense, ademais das sendas de Valdorregueiro e Montealegre, a Xunta está a executar outros 3,5 km de itinerarios na Rabaza, en Ponte Sevilla e na avenida de Ponferrada cun investimento de 1,8 M€, que se rematarán tamén nesta primavera.
Incidiu no traballo da Xunta no fomento dunha mobilidade máis sustentable habilitando infraestruturas verdes na contorna das cidades e vilas galegas. As intervencións contan con financiamento da Unión Europea dos fondos Feder 2014/2020 e dos fondos REACT EU.
Finalmente, Ethel Vázquez avanzou a licitación, a finais de marzo, da humanización da avenida das Caldas e a senda entre o pavillón dos Remedios e Expourense, “as obras dese gran eixe de mobilidade que conectará a cidade de norte a sur, con 5,1 km e un investimento de 7,2 M€”, destacou.