O Consello da Xunta deulle luz verde á proposta de construción dun itinerario peonil e ciclista que conectará a cidade de Ourense de norte a sur, partindo da estación intermodal, continuando polo Barbaña ata o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e finalizando en Seixalbo, cun investimento de 4,5 millóns de euros.
Esta intervención enmárcase nos proxectos impulsados polo Goberno galego ao abeiro dos fondos Next Generation, co fin de fomentar a mobilidade sostible nas cidades galegas.
Trátase dun itinerario que integrará 5,2 km de sendas: iniciarase na estación intermodal, desenvolverase pola avenida das Caldas, a Ponte Romana, o Paseo do Barbaña, o CHUO, Expourense e o Pazo dos Deportes Paco Paz. Estas actuacións, que configuran un eixo norte-sur ao longo do río Barbaña, proseguirán desde Ponte Sevilla ata Seixalbo e Bemposta a través da OU-105.
Máis concretamente, a senda comezará na estación intermodal, que é agora punto de chegada da alta velocidade. Realizarase unha remodelación completa da avenida das Caldas, humanizándoa e converténdoa nunha porta de entrada á cidade.
A actuación continuará a través da Ponte Romana, un dos símbolos da cidade que permite cruzar o río Miño sen interacción co tráfico rodado. Nese punto a Xunta vén de rematar o acondicionamento da zona da Capela dos Remedios, mellorando a conexión co paseo das Ninfas baixo a N-120. Accédese así a un eixo de mobilidade peonil e ciclista perpendicular ao que se promove, é dicir, en dirección este-oeste.
O itinerario abrangue o tránsito polo paseo na marxe do río Barbaña, acondicionando e mellorando a sinalización onde sexa necesario e dándolle continuidade no treito no que este se interrompe, é dicir, entre a praza de Abastos e “La Molinera”.
O proxecto tamén recolle un ramal de conexión co CHUO, a estudar no seu trazado, pero previsiblemente partindo da avenida do Regato, así como a finalización do percorrido na zona do Pazo dos Deportes Paco Paz e de Expourense.
Mobilidade sostible
As actuacións propostas darán continuidade a un eixo de mobilidade norte-sur ao longo do río Barbaña que proseguirán cara ao sur desde Ponte Sevilla ata Seixalbo e Bemposta a través da estrada OU-105.
Para acadar esta continuidade son estratéxicas tres intervencións na estrada OU-105, que suman un investimento autonómico de 3,2 millóns de euros.
De xeito máis detallado, a primeira destas actuacións é a senda na OU-105 en Ponte Sevilla, que se desenvolverá pola marxe dereita da vía, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 0+000 e 0+850. O inicio destas obras, xa licitadas, prevese no verán, cun prazo de execución de 6 meses.
A segunda intervención, entre os puntos 0+800 e 1+150, correspóndese coa segunda fase de mellora da seguridade viaria na OU-105 en Seixalbo, que se iniciou en maio de 2021 e que se está a ultimar. No marco desta actuación, estase a habilitar unha senda na marxe dereita da rúa Canizo, de modo que o tránsito peonil e ciclista discorra por ela desde a senda do treito de Ponte Sevilla ata a continuación da OU-105 ata Seixalbo.
A terceira actuación, entre os puntos 1+100 e 2+500, correspóndese coa primeira fase da obra de mellora da seguridade viaria na OU-105 en Seixalbo, xa rematada en 2019.
Fondos Next Generation
O Goberno galego, ao abeiro dos fondos europeos Next Generation, está a traballar no obxectivo do fomento dunha mobilidade sostible nas cidades galegas, a través de diversas liñas de actuación.
Neste sentido, a Xunta impulsa as estacións de autobuses intermodais da Coruña, Lugo e Ferrol, dando así continuidade ao desenvolvemento destas infraestruturas do transporte noutras cidades como Santiago e Ourense, onde xa están en servizo, e en Pontevedra e Vigo, próximas ao seu remate.
O Executivo autonómico tamén proxecta a mellora de paradas de autobús en estradas autonómicas co fin de facer máis competitiva a oferta dos servizos de transporte público colectivo nas contornas metropolitanas de Galicia
A este respecto, mellorarase o equipamento da propia parada, incluído a marquesiña, a accesibilidade para persoas con mobilidade reducida, a información e sinalización, as conexións cos itinerarios peonís e a seguridade.
Outra liña de acción correspóndese coa dotación de aparcadoiros disuasorios en zonas próximas ás vías de entrada ás cidades e conectados coa rede de servizos de transporte público, de tal forma que se minimice o acceso en vehículo privado.
Entre estas intervencións, a Xunta tamén proxecta sendas metropolitanas peonís e ciclistas na contorna das 7 grandes cidades galegas. Trátase de itinerarios na contorna das vías de entrada ás cidades, de conexión de equipamentos públicos de interese, como as estacións intermodais, os hospitais ou os centros administrativos.