Sucesos

A Xunta inicia un expediente sancionador contra Adif por unha posible infracción grave de residuos

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, visitaron esta mañá o lugar no que acabaron depositados dous vagóns do tren de mercadorías que descarrilou a semana pasada á altura de Carballeda de Valdeorras.

Adriana Ochoa Arévalo

Ourense |

Ángeles Vázquez | Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia acaba de iniciar un expediente sancionador contra ADIF, ente público dependente do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, pola súa responsabilidade na caída de dous vagóns de tren que acabaron na marxe dereita do río Sil, feitos que poderían ser constitutivos dunha infracción tipificada como grave na Lei de residuos estatal.

Así o avanzou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que se desprazou ata Carballeda de Valdeorras acompañada pola titular de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, para comprobar persoalmente o estado da zona na que se localizan os vagóns, pertencentes ao tren descarrilado o pasado 28 de xullo.

Tras explicar que nos últimos dous días axentes medioambientais e inspectores do seu departamento se desprazaron ata o lugar para levantar as correspondentes actas, Vázquez Mejuto indicou que a Xefatura Territorial de Medio Ambiente en Ourense iniciou hoxe mesmo un procedemento administrativo sancionador contra ADIF como responsable dos feitos denunciados.

Así, engadiu que o sucedido na marxe dereita do río Sil podería constituír unha infracción administrativa grave tipificada na Lei 22/2011 de residuos e solos contaminados e na Lei 10/2008 de residuos de Galicia como “abandono, vertido ou eliminación de calquera tipo de residuos non perigosos”. A multa prevista para este tipo de infraccións oscila entre os 901 e os 45.000 euros aínda que neste caso concreto o acordo de inicio do sancionador propón unha multa de 35.000 euros.

Sen prexuízo desta sanción económica, a conselleira de Medio Ambiente lembrou que a investigación iniciada polo seu departamento tamén derivou hoxe na adopción dunha medida provisional para que ADIF proceda á retirada dos dous vagóns e á súa oportuna xestión como residuos por parte dunha empresa autorizada.

Na mesma liña, Vázquez Mejuto insistiu en que nestes momentos a prioridade é que este material se retire da zona o máis rápido posible e se restauren os posibles danos ocasionados durante a súa caída pola pendente que separa a vía férrea do río, tal e como prevé a lexislación estatal e autonómica aplicable en materia de residuos.

Así llo trasladou esta semana ao Goberno do Estado, como lembrou a conselleira, en senllas cartas dirixidas ao ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luis Ábalos, e á ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, nas que ademais de reclamarlles as accións de restauración oportunas, esixiulles unha explicación sobre o ocorrido, ao entender que se trata dunha “irresponsabilidade inadmisible” para ningún cidadán ou empresa e menos aínda por parte dunha administración pública.