A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou as obras de execución dos itinerarios peonís e ciclistas nas estradas OU-101, en Montealegre, e na OU-150, en Valdorregueiro, no concello de Ourense, que suporán un investimento autonómico de máis de 1,2 millóns de euros.
Os traballos, que contan cun prazo de execución de seis meses, teñen como obxectivo actuar en zonas destas estradas autonómicas que carecen na actualizade dun espazo propio para o tránsito de peóns, polo que a execución destes itinerarios suporá unha mellora importante da seguridade viaria para os veciños do municipio ourensán. As intervencións contan co cofinanciamento de fondos europeos do eixe React-UE.
Máis en detalle, as obras en execución consisten en habilitar dous itinerarios peonís e ciclistas no treito de Montealegre, entre os puntos quilométricos 1+020 e 2+130 da estrada OU-101, e no treito de Valdorregueiro, entre os puntos quilométricos 0 e 1+030 da OU-150.
Executaranse dúas sendas de uso mixto de ancho variable, cun mínimo 1,80 metros, adosadas pola marxe dereita das estradas e separadas do tronco por diferentes elementos: vexetación máis bordo, de 1 metro de ancho, un bordo de sinalización ou a combinación de ambos. O bordo irá 3 centímetros elevado sobre a rasante.
En concreto, o primeiro itinerario peonil e ciclista, de case 1,3 quilómetros de lonxitude, execútase na estrada OU-101 e comeza polo citado punto 1+020, para descorrer pola marxe dereita e dar continuidade a un treito de beirarrúa existente, rematando na zona da estrada na cal se sitúa un refuxio do autobús. Ademais reacondicionarase a beiravía, substituíndoa por formigón e colocando un pretil urbano. O outro itinerario, de case un quilómetro de lonxitude, descorrerá pola marxe dereita da OU-150, desde o cruce coa estrada nacional N-525 ata o comezo do treito coa ponte sobre o rego de Valdorregueiro.
Na actuación proxéctase a execución de cinco muros de sostemento na senda da OU-101 e catro muros de sostemento na senda adxacente á OU-150. O proxecto tamén prevé a instalación das sinalizacións vertical e horizontal e a adecuación das paradas de autobús.
Cómpre sinalar que no caso concreto desta estrada, en Valdorreguerio, a senda en execución na marxe dereita rematará xusto antes da ponte sobre o rego Val dos Gozos, e na outra marxe da conca existe unha beirarrúa, tamén na marxe dereita da estrada, que discorre ata o seguinte núcleo de Cudeiro.
Deste xeito a Xunta está a redactar o proxecto de construción dunha pasarela peonil na ponte sobre o rego val dos gozos en Cudeiro, no que está a investir máis de 18.000 euros. Os traballos obxecto deste novo contrato teñen como obxectivo acadar un itinerario continúo a ambas as dúas marxes da ponte sobre o rego Val dos Gozos, para o que se definirán as actuación necesarias para conectar os dous itinerarios peonís mediante unha pasarela duns 60 m de lonxitude, tamén na marxe dereita.
Plan de Sendas de Galicia
Estes novos itinerarios enmárcase no Plan de Sendas de Galicia para a comarca de Ourense, que recolle un investimento de 7,1 M€ para a execución de 16 km de novas sendas. O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue dando cumprimento ao seu compromiso de habilitar, nas estradas da súa titularidade, itinerarios peonís seguros, sostibles e integrados na paisaxe.