A Xunta de Galicia, no ámbito das súas competencias e cara a fomentar a protección e conservación da biodiversidade, instalou esta semana dous niños de cegoña branca (Ciconia ciconia) no ámbito urbano da cidade de Ourense.
A cegoña branca é unha ave moi ligada ao home e as súas actividades, situando os seus niños —nunha ampla porcentaxe— en todo tipo de construcións humanas, como igrexas, monumentos, torres de electricidade e telefonía, chemineas, etc. Ademais, é unha especie que se adaptou a convivir coas persoas, aproveitando moitas veces os recursos que obteñen ao estar preto dos asentamentos humanos.
O seu ciclo reprodutor comeza habitualmente no mes de febreiro, cando retornan aos niños de anos pasados e comezan con labores de mantemento e arranxo dos mesmos. A continuación, comezan as postas entre os meses de marzo e abril.
O obxectivo destes niños instalados pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en Ourense é o de ofrecer localizacións alternativas para as cegoñas que no 2021 criaron na cidade. Deste xeito, seleccionáronse os emprazamentos máis axeitados na procura de facilitar que estas aves se manteñan como reprodutoras na contorna urbana.
Os axentes ambientais do Distrito Ambiental XII de Ourense supervisaron os traballos de instalación dos niños, e previamente, xunto con persoal técnico do Servizo de Patrimonio Natural da provincia, mantiveron contacto coa Asociación de Amigos das Cegoñas e a Sociedade Galega de Historia Natural.