A Xunta de Galicia investirá preto de 650.000 euros na conservación e posta en valor do Camiño Real que dá acceso á Fortaleza de Monterrei. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, nunha visita na que estivo acompañado polo alcalde, José Luis Suárez, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e na que explicou que o Goberno autonómico espera licitar estes traballos nas vindeiras semanas.
O titular de Cultura avanzou que a intervención prevista neste contorno permitirá “incrementar e reforzar o interese patrimonial deste espazo medieval”. Así mesmo, explicou que o obxectivo é mellorar as condicións de accesibilidade ao castelo, así como incorporar redes de canalización e saneamento. “Galicia ten a sorte de contar cun rico patrimonio cultural, pero ademais de garantir a súa conservación, é fundamental que as administracións traballemos para que o noso legado continúe vivo e sexa unha fonte de orgullo e un recurso útil para todos os veciños”, salientou.
Neste sentido, Román Rodríguez precisou que a intervención impulsada polo Goberno autonómico para mellorar a accesibilidade ás edificacións do interior da muralla, entre as que se atopa o Parador de turismo, estará rematada o vindeiro ano. “Esta obra reforzará os valores culturais de autenticidade deste trazado facilitará que os galegos poidan coñecer o interior destas murallas”, engadiu o conselleiro.
Lousados deteriorados e inestables
A actuación prevista pola Consellería de Cultura vén determinada polo deterioro e afondamento das lousas e o mal estado de conservación desta rúa que dá acceso á Fortaleza e que presenta lousados deteriorados e inestables con afondamentos e afloramentos de rocha que non facilitan nin o seu peonil nin rodado. Sen embargo, o condicionante máis destacado desta restauración está xerado pola necesidade de incorporar na intervención os servizos urbanísticos de canalización e saneamento.
Deste xeito, a programación da intervención contempla a mellora da accesibilidade peonil e rodada ademais da implantación de redes de subministros, polo que vai máis alá dunha restauración física e material para garantir a conservación, autenticidade e integridade do Camiño Real.
Todos os traballos partirán da avaliación do actual estado do pavimento histórico e dun estudo detallado das estruturas existentes que se manterán na intervención ao ter en conta a súa capacidade para evocar e lembrar os métodos de construción do pasado facilitando a comprensión e posta en valor da fortaleza.