Medio Ambiente

A Xunta investirá 15 M€ na prevención e instición de incendios

José González avanzou esta partida que irá recollida no proxecto de orzamentos de 2021, sinalando que o campus forestal que se situará en Toén exercerá de motor económico na provincia de Ourense

Óscar Gómez

Ourense |

A Xunta investirá 15 M€ na prevención e instición de incendios | onda cero

A Xunta investirá 15 millóns de euros na mellora das instalacións, o equipamento e o parque móbil a disposición do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia, así como nun Centro integral para a loita contra o lume que se implantará no concello ourensán de Toén. Así o sinalou o conselleiro do Medio Rural, José González, que avanzou esta partida do proxecto de orzamentos de 2021 nunha visita á base de helicópteros antiincendios de Toén, onde supervisou -acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén- o novo punto de auga para a carga de medios aéreos.

Canto ao campus forestal, o conselleiro destacou que este Centro integral para a loita contra o lume se instalará onde agora se atopa o antigo hospital de Toén, en Ourense, por ser esta provincia a máis afectada polos incendios. Cualificándoo como un motor económico da Galicia interior e un proxecto pioneiro en Europa, engadiu que terá por obxectivo centralizar nun mesmo punto a formación do persoal dedicado á loita contra os lumes forestais. Así, será un centro permanente para a cooperación, a investigación e a formación continua do que poderán beneficiarse bombeiros forestais procedentes de toda Europa e no que se contará cos maiores especialistas no comportamento e análise dos incendios.

Así mesmo, as instalacións estarán dotadas dunha aula medioambiental para formar estudantes de distintos puntos de Galicia, co fin de concienciar á sociedade sobre o traballo dos bombeiros forestais como protectores do monte. Nesa liña, segundo José González, estase a promover a ordenación do monte que se atopa na contorna do Centro, de xeito que sexa un modelo de multifuncionalidade e biodiversidade forestal.

Lembrando que na comisión de estudo de 2017 sobre os incendios forestais se recollía a necesidade dunha maior formación do Servizo, o conselleiro resaltou que este Centro constituirá o eixe central do Plan de Formación programado para os efectivos de prevención e extinción, tal e como contempla o recentemente presentado Plan Forestal.

A maiores, apuntou o titular de Medio Rural, contémplase a construción e adecuación dunha rede mellorada e eficiente de puntos de encontro, tanto nas instalacións do persoal antiicendios, almacéns do material de prevención e extinción como no que ten que ver coa construción de garaxes para os vehículos. Así mesmo, actualizarase o equipamento e o parque móbil de vehículos e motobombas para a defensa contra os lumes forestais.

Por último, o conselleiro quixo poñer de relevo que se vén de iniciar un proceso participativo -da man da Universidade de Vigo- para elaborar a futura Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais, contando con ter un texto redactado no primeiro semestre de 2021.