Medio Rural

A Xunta inviste 500.000€ en prevención de incendios en Carballeda de Avia e Avión

José González destacou a importancia de manter xestionadas as faixas secundarias para minimizar o risco dun incendio forestal para a poboación.

Óscar Gómez

Ourense | 06.03.2023 07:51

A Xunta inviste 500.000€ en prevención de incendios en Carballeda de Avia e Avión
A Xunta inviste 500.000€ en prevención de incendios en Carballeda de Avia e Avión | onda cero

José González supervisou os traballos de roza na contorna dos núcleos de Abelenda e de Fornelos, onde se xestionou unha superficie de algo máis de 10 hectáreas mediante rozas mecánicas e manuais, podas e clareos. Ademais, comprobou o novo peche gandeiro construído nesta zona -de 3.310 metros- para salvagardar os animais.

Estas actuacións tiveron un orzamento de algo máis de 102.000 euros e enmárcanse no Plan preventivo de Galicia 2022, dotado con 33,1 millóns de euros para actuar en máis de 58.600 hectáreas de terreo e en 5.780 quilómetros de pistas forestais e outras vías, ademais de construír 111 novos puntos de auga e acondicionar os 4.750 existentes.

Ademais, sinalou o titular de Medio Rural, a estas obras súmanse outras que se levarán a cabo no monte veciñal en man común de Serra de Gateira, Ceo, Val de Custas, Salpeiras e Cidade. Este proxecto, que previsiblemente comezará ao longo deste mes, está dotado cun orzamento de case 400.000 euros, no que tamén se inclúe unha partida para traballos nun monte veciñal ubicado no concello veciño de Avión.

Así, neste segundo proxecto levarase a cabo -en Carballeda de Avia- o acondicionamento de case 6 quilómetros de pistas e faixas auxiliares, ademais da construción dunha acometida para o abastecemento de auga a dous depósitos que poderán ser empregados polas motobombas do Servizo de prevención e extinción de incendios forestais. Tamén se construirá un novo cercado para o gando de case 3.000 metros. No tocante á actuación no concello de Avión, procederase a mellorar preto de 11 quilómetros de pistas e faixas auxiliares do monte veciñal de Barroso, Foral de Vilar e Cortegazas e Nieva.

Nesta liña, o conselleiro matizou que todas estas obras teñen como finalidade anticiparnos aos incendios forestais e facilitar o traballo do propio Servizo contraincendios, na medida en que poidan acceder dunha forma máis segura ao monte.

De feito, José González indicou que estes traballos súmanse a outros de gran importancia como son as queimas prescritas. Un instrumento avalado polos técnicos que permite crear descontinuidades para conseguir que, de producirse un lume, se deteña na área tratada con queima prescrita. Precisamente, sinalou, no concello de Carballeda de Avia realizouse esta semana unha queima de cinco hectáreas na parroquia de Vilar de Condes.

Así, a superficie na que a Xunta leva actuado mediante queimas prescritas no que vai de 2023 -co gallo de avanzar na prevención de incendios forestais- supera xa a media dos últimos 10 exercicios completos: máis de 110 queimas realizadas xa na nosa Comunidade para actuar en nunhas 560 hectáreas de superficie.

Aldea modelo de Muimenta

Aproveitando a súa visita a este concello ourensán, o conselleiro desprazouse ata a aldea modelo de Muimenta, que ten unha superficie de 29,1 hectáreas na contorna do núcleo de poboación, distribuídas en 1.660 parcelas de 241 propietarios.

Precisamente, no tocante á prevención, a guía produtiva desta aldea establece como actividade principal para as terras que a rodean a explotación dun sistema agroforestal, combinando prácticas de aproveitamento do monte con gandaría en extensivo, así como por cultivos de ciclo curto. Como actividades secundarias, establécese a xestión forestal activa, priorizando a protección das masas de frondosas, e os cultivos leñosos, tales como viñedo, oliveiras ou froiteiras.

Ademais, cómpre destacar que nunha parte desta aldea aprobouse por parte da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural a declaración do primeiro Espazo Agrario de Experimentación. Trátase dunha figura nova creada pola Lei de recuperación da terra agraria de Galicia que busca facilitar que persoas mozas ou emprendedoras poidan probar o seu negocio nunha contorna favorable, tendo á súa disposición terras de aldeas modelo, así como as instalación necesarias para o desenvolvemento da correspondente actividade agraria. Neste caso, falamos dun espazo agrario que estará destinado á agricultura ecolóxica, especialmente a cultivos de horta.

A maiores, cómpre sinalar que a Xunta traballa non só na recuperación das terras que rodean ás aldeas modelo, senón que tamén busca recuperar o seu núcleo urbano. Neste senso, cabe mencionar que precisamente hoxe visitaban esta aldea de Muimenta alumnos e persoal docente do grao de Arquitectura de Cesuga, co gallo de facer propostas de dinamización na zona.

Así, esta aldea modelo de Muimenta forma parte das 21 aldeas declaradas en Galicia que, xunto con 21 polígonos agroforestais e diversas permutas realizadas no concello de Friol, están a mobilizar arredor de 10.000 hectáreas de superficie de boa calidade, ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.