A Xunta licitou por máis de 3,6 M€ as obras de mellora do firme en cinco estradas autonómicas da provincia de Ourense ao seu paso por 17 concellos. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, así llo trasladou aos alcaldes de Xunqueira de Espadanedo, Carlos Gómez, e de Cortegada, Avelino Luis de Francisco, nun encontro de traballo no que se abordou a situación das vías da Xunta ao seu paso por estes municipios.
A plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe a licitación das obras de mellora do firme nas estradas da provincia de Ourense OU-193 e OU-801 en Cortegada, na OU-536 ao seu paso por Xunqueira e demais concellos da traza, na OU-412 e na OU-101.
Os traballos recollidos neste contrato consisten na rehabilitación superficial do firme para actuar puntualmente nunha lonxitude de máis de 120 km de vías autonómicas, mediante fresado, de 5 ou 10 centímetros de espesor, segundo o grado de deterioro existente, a reposición da capa de rodaxe e o repintado da sinalización e marcas viarias nestas cinco vías autonómicas ao paso por 17 concellos: A Pobra de Trives, A Teixeira, Castro Caldelas, Cortegada, Esgos, Maceda, Melón, Montederramo, O Pereiro de Aguiar, Ourense, Parderne de Allariz, Padrenda, Pontedeva, Ribadavia, San Cibrao das Viñas, San Xoán de Río e Xunqueira de Espadanedo.
As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o vindeiro 22 de maio para presentar as súas ofertas. O prazo de execución dos traballos é de 6 meses. A previsión da Xunta é iniciar as obras de mellora do firme na segunda quincena de xullo para que, se as condicións meteorolóxicas o permiten, telas rematadas a finais deste mesmo ano.
Estas actuacións de mellora do firme contribuirán ao incremento da seguridade viaria e á mellora da mobilidade. No caso concreto da estrada OU-536, que une Ourense e A Pobra de Trives, os traballos permitirán dar resposta á preocupación trasladada polo alcalde de Xunqueira de Espadanedo polo estado de conservación do firme na ponte.
Así, tras realizar as inspeccións necesarias, os técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas constataron que esa ponte sobre a OU-536 en Xunqueira de Espadanedo non presenta ningún problema de tipo estrutural, se ben o firme está deteriorado, presenta unha rodeira importante que está agora mesmo sinalizada para permitir o tránsito en condicións de seguridade, polo que se considera prioritario actuar nese punto.
Deste xeito, a través deste contrato darase resposta aos problemas identificados na ponte, relacionados co estado do firme. Concretamente, no caso da estrada OU-536 ao seu paso por este municipio, mellorarase o firme nun treito de 5,5 km cun investimento de 471.000 €.
De igual modo, na reunión de hoxe, a conselleira informou ao alcalde de Cortegada da actuación que, no marco do mesmo contrato de reforzo de firme, se vai levar a cabo nas estradas autonómicas OU-193 e OU-801. Actuarase, en total, en algo máis de 11 km ao seu paso polo municipio cun investimento de 541.000 €. Neste caso, os traballos previstos consisten na reposición completa do firme en 2 km da estrada OU-193, que quedou pendente dunha intervención anterior; e tamén en completar a reparación do firme da estrada OU-801, tras os traballos levados a cabo o pasado ano.
Ademais das actuacións nas vías OU-193 e OU-801 en Cortegada, e da estrada OU-536 ao seu paso por Xunqueira e demais concellos da traza, actuarase tamén nas estradas OU-412 e OU-101. No caso desta última estrada, a OU-101 que une Ourense con Maceda, ademais do reforzo do firme levarase a cabo unha mellora da seguridade viaria no primeiro quilómetro do treito urbano, no concello de Ourense.
En concreto, actuarase en varios pasos de peóns para reforzar a seguridade, coa instalación de sinalización adicional, a dotación de iluminación específica, con luminarias led, ou semaforización, completando as actuacións coa dotación de pequenos treitos de beirarrúas, coa limpeza e reperfilado das marxes da estrada ou a execución de gabias de seguridade.