A Xunta licita por 157.000 euros a redacción do proxecto construtivo da Rolda Leste de Ourense, entre a estrada OU-105 en Bemposta e a N-525, que pechará a circunvalación polo sur conectando coa A-52. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, informou hoxe sobre os avances na tramitación desta actuación estratéxica para os concellos de Ourense e de San Cibrao das Viñas, pero tamén con funcionalidade para toda a área.
Vázquez Mourelle detallou un prazo de 16 meses, que inclúe o período de información pública, a redacción do proxecto construtivo e os informes das distintas administracións, xa que serán preceptivos informes do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, de Adif ou da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. Sinalou que as empresas interesadas na redacción do proxecto poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 7 de outubro.
Subliñou que o trazado desta actuación, que contará co investimento autonómico de 6 millóns de euros, xa estaba previsto no Plan Sectorial da Rede Viaria de Ourense, aprobado polo Consello da Xunta no ano 2014. Destacou que a actuación reducirá o tempo de viaxe, cun acurtamento do percorrido desde Bemposta ata a N-525 e a A-52, ao pasar dos 7 minutos e 4,6 km actuais a pouco máis de 1 minuto e 1,7 km.
Salientou que a intervención tamén suporá un reforzo da seguridade viaria, ao sacar tráfico do centro de Ourense, desconxestionando o tránsito doutras rúas como Marcelo Macías ou a avenida de Zamora.
Características técnicas
Ethel Vázquez concretou que a intervención comeza en Bemposta, cunha glorieta na confluencia das dúas estradas OU-105 e OU-510 e finaliza con outra rotonda que dá acceso ao enlace Ourense sur da A-52, xa en San Cibrao. Ambas as glorietas enlázanse mediante un trazado de 1,7 km, configurando unha estrada dun carril por sentido.
Apuntou que a execución desta nova vía exixe a construción dunha ponte sobre o río Barbaña, de 70 metros de lonxitude; un muro de contención no camiño baixo a ponte; un paso baixo o ferrocarril e outro paso para dar continuidade a camiños.
Trátase de dar continuidade á estrada autonómica OU-510, no treito Rairo-Bemposta co obxectivo de pechar a circunvalación de Ourense polo sur. A este respecto, a conselleira indicou que se prolongará a estrada OU-510, que une a OU-536 no Ceboliño coa OU-105 en Bemposta, para conectala coa N-525 e coa A-52, completando un viario de circunvalación perimetral da cidade, que segundo dixo a conselleira, dará funcionalidade ao conxunto da área de Ourense.
Fixo fincapé en que esta infraestrutura, presentada coincidindo coa Semana Europea da Mobilidade, se sumará ao novo acceso ao polígono de San Cibrao das Viñas desde a A-52, en servizo hai un ano cun investimento da Xunta de 22 M€.