Neste acto, o conselleiro puxo en valor o labor da Xunta para reforzar a loita contra os incendios forestais neste distrito en particular e en toda Galicia en xeral. Así, en relación coa bisbarra de Verín, salientou o investimento de máis de medio millón de euros para mellorar estas infraestruturas e dotacións.
Nesta liña, José González explicou que a actuación abrangue case 2.500 metros cadrados na nave na que se localiza, entre outros servizos, a sede do distrito e o Centro de Coordinación, así como unha sala de reunións e outra de formación. Destacou ademais que se trata dun centro de distrito “mellor equipado, para responder ás esixencias da área xeográfica con maior incidencia de incendios”. O centro dispón de 10 postos con outras tantas pantallas de 55 polgadas, que permiten o seguimento dos lumes e tamén conta con espazo para a formación dos técnicos.
Neste sentido, o conselleiro anunciou ademais que a nave vai acoller tamén unha Base de Unidade Operativa, denominada BUO, que permitirá acoller da mellor maneira posible ao persoal de loita contra os incendios, e tamén aos medios que teñen ao seu dispor. Así, xa hai espazo para os vehículos todoterreo e para os camións motobomba e no futuro tamén haberá dependencias para vestiarios, almacén, sala de exercicio e zona de lecer, é dicir, o referido BUO, remarcou González.
É preciso tamén poñer en valor o feito de que estas instalacións están situadas nun punto estratéxico, con acceso á autovía e fronte a un parque de bombeiros. Nesta liña, o conselleiro sinalou que esta infraestrutura “é unha proba máis do noso compromiso coa defensa da comarca de Monterrei fronte ao lume”. Un compromiso que -engadiu- materialízase con iniciativas como a primeira base de medios aéreos transfronteiriza entre España e Portugal, no marco do Proxecto Interlumes. Unha base que intensificará e mellorará a capacidade operativa de resposta na extinción de lumes forestais, cun investimento de 4,3 millóns de euros.
Labores de prevención
A maiores, José González subliñou os labores de prevención que se levan a cabo nesta zona, para acadar unha anticipación ao lume e limitar as súas consecuencias. Faise, explicou, esencialmente a través dos instrumentos que facilita a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Neste contexto, cómpre mencionar as aldeas modelo de Carzoá, en Cualedro, ou de Infesta, en Monterrei, así como os polígonos agroforestais de Oímbra, Cualedro e Monterrei, en distintas fases de execución.
O conselleiro fixo tamén referencia ao novo fondo público-privado posto en marcha pola Xunta para anticiparse aos incendios forestais da comunidade e destacou a aportación de nove millóns de euros por parte de Inditex. Estes cartos servirán, dixo, para “recuperar o territorio e facelo máis resistente fronte aos incendios forestais naquelas zonas afectadas de xeito recorrente” e sinalou que dentro das áreas de actuación está a comarca de Monterrei.