A Xunta mobilizou máis de 1,2 millóns de euros no municipio ourensán de Cenlle ao abeiro da medida Leader 2014-2020. Así o destacou a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé, que -acompañada do delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e do alcalde, José Manuel Rodríguez- acudiu á inauguración do edificio TIC promovido polo Concello, que recibiu unha axuda da Agader de 200.000 euros para un investimento global de 267.589 euros. Cómpre sinalar que a Deputación de Ourense tamén sufragou parte das obras, aportando en total 37.000 euros.
Dotadas con 15 ordenadores portátiles e un encerado dixital, estas instalacións eríxense como a referencia das novas tecnoloxías no concello de Cenlle. En concreto, este centro de 225 m² conta cunha sala de consultas, unha aula interactiva, unha aula da natureza para a sensibilización medioambiental e dous almacéns.
No acto, a directora xeral da Agader quixo poñer en valor todos os proxectos levados a cabo no concello de Cenlle na última convocatoria da medida Leader, que supuxeron crear máis de catro postos de traballo e consolidar outros seis. Solicitados a través da Asociación de Desenvolvemento Rural Carballiño-Ribeiro (GDR 12), todos eles recibiron a axuda máxima posible. Así o resaltou Inés Santé, ao tempo que salientou a súa aposta polo respecto da contorna na que se establecen empregando elementos de bioconstrución como a pedra ou a madeira, así como pola eficiencia enerxética mediante a escolla de fontes limpas como a xeotermia ou a aerotermia.
Así, a máis salientable en canto a presuposto foi a habilitación da adega Priorato de Razamonde para o enoturismo, cun investimento de 488.000 euros e unha axuda de 200.000 euros. A achega permitiu construír unha plataforma de madeira para establecer como zona de cata, unha sala museo e un salón de máis de 230 m² con área de catas, salón social, cheminea e unha gran fiestra con vistas ao río Miño. Grazas a este proxecto culminado no 2018, consolidáronse seis postos de traballo existentes e creáronse dous máis, orientados a colectivos desfavorecidos.
A segunda iniciativa en orzamento -que tamén obtivo a axuda máxima de 200.000 euros- supuxo a apertura a finais do ano pasado dun novo negocio de turismo rural en Cenlle. Así, comezou a operar na parroquia de Laias “Casa de Aldea”, un establecemento con sete cuartos e capacidade para albergar 14 hóspedes que contou cun orzamento total de 400.605 euros. As instalacións están vinculadas ao turismo activo promocionando o viño da denominación de orixe do Ribeiro mediante unha iniciativa innovadora como a viñoterapia.
A maiores, cabe mencionar a piscina municipal promovida pola comunidade veciñal de montes de Cenlle, que contou cun orzamento total de máis de 90.000 euros e obtivo unha axuda do 66%. Dotada con 1.000 m² de parcela e unha área de baño de 120 m², dispón de vestiarios e dunha pequena caseta para dar servizo aos usuarios.
A visita a Cenlle tamén serviu para comprobar os avances na aldea modelo de Osmo, a primeira executada en Galicia, onde xa está en marcha un primeiro proxecto de produción de porco celta. No ámbito desta iniciativa de mobilización de terras, a directora xeral apuntou que a Agader promoverá a recuperación dunha edificación tradicional para convertela nun aloxamento turístico, no marco dos proxectos senlleiros que buscan mellorar a calidade e as condicións de vida dos habitantes do rural. Así, investiranse 200.000 euros nos traballos que se acometerán nunha parcela duns 500 m², que conta con tres pequenas construcións que suman máis de 230 m².
Dinamizar o rural
A directora xeral quixo aproveitar o encontro para resaltar que a medida Leader contará ata o ano 2023 cun orzamento asignado de arredor de 35 millóns de euros para apoiar o labor dos 24 Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) da nosa comunidade. Estes fondos permitirán, entre outras cousas, destinar case 23 millóns de euros a financiar proxectos que contribuirán a dinamizar o rural galego.
Nesa liña, Inés Santé salientou que cos fondos do Leader se financian proxectos tanto de orientación non produtiva -de tipo social, por exemplo- como de carácter produtivo, do sector primario e doutras actividades que contribúen ao desenvolvemento rural. Todas estas actuacións teñen incidencia directa na diversificación económica do tecido produtivo das zonas rurais e na dotación de servizos no eido económico e nas prestacións básicas á poboación.