A Xunta de Galicia arquivou a solicitude presentada polo Concello para declarar o Entroido de Ourense festa de interese turístico de Galicia. O goberno autonómico comunicoulle ao Concello a resolución da Axencia de Turismo de Galicia que desbota a petición realizada por Ourense e denega recoñecerlle ao seu Entroido a condición de festa de interese turístico, alegando unha presunta falta de “singularidade” da celebración ourensá.
enésimo agravio da Xunta de Galicia con ourense
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, denunciou esta mañá o “enésimo agravio da Xunta de Galicia con esta cidade, que é a eterna Cenicienta de Galicia”. O rexedor cualificou de “atropelo” a resolución da Xunta ao denégarlle o recoñecemento como festa de interese turístico ao “mellor Entroido de Galicia, e o que máis xente aglutina no Norte de España”. Xulga o alcalde que con esta resolución a Xunta “está obviando a realidade: o Entroido de Ourense ten interese porque o pobo o demostra. Néganos aquilo que o pobo está afirmando, porque é aquí onde veñen”. Incide Gonzalo Jácome en que a Xunta si recoñeceu en cambio o interese turístico doutras celebracións: por que ditamina a favor das fogueiras de San Xoán da Coruña e non do Entroido de Ourense?”, pregúntase o alcalde.
O Concello presentou a súa solicitude o día 10 de marzo de 2023, tendo en consideración a importancia como atractivo turístico do Entroido da cidade, o seu valor cultural e a súa tradición popular. Buscaba con esta declaración obter a declaración de festa de interese turístico para avanzar na promoción e na planificación de investimentos desta celebración.
A memoria presentada polo Concello xustificaba o cumprimento de todos os requisitos establecidos na normativa (recollidos no artigo número 3 do decreto 4/2015, de 8 de xaneiro, que regula a declaración de festas de interese turístico de Galicia): antigüidade, singularidade, arraigamento, accións promocionais desenvolvidas, valor cultural e continuidade no tempo.
Posteriormente, o Concello atendeu os sucesivos requirimentos de documentación complementaria realizados pola Xunta de Galicia (os días 21 de marzo, o 2 de maio, o 26 de xuño e o 28 de xuño), referentes á antigüidade, á singularidade, ao arraigamento e valor cultural, á facilidade de acceso, á estética, ao coidado das contornas urbanas, monumentais ou paisaxísticas, áafluencia de visitantes, á coordinación entre entidades públicas e privadas involucradas no evento, aos orzamentos e á denominación oficial do evento.
Porén, a solicitude do Concello foi informada desfavorablemente pola Consellería de Cultura e deu lugar a unha proposta de arquivo por parte da Xunta “por non quedar suficientemente acreditado o cumprimento do requisito de singularidade”.
O día 13 de novembro, o Concello presentou alegacións a esta proposta. Nelas argumentaba que “`[…] a singularidade do Entroido ourensán é precisamente a súa espontaneidade. É un entroido que hibrida elementos senlleiros da tradición rural con outros máis modernos típicos dos carnavais urbanos pero dunha forma harmoniosa e característica, sen que chirríe. A plena participación por parte da meirande parte da súa cidadanía e dos centos de visitantes que a el acoden é a súa mellor baza, o seu máis importante aval: esta é a grande festa da cidade e todo o mundo quere participar dela, e faino tanto respectando tradicións propias (máscaras locais e costumes que existen desde hai lustros) como de forma completamente espontánea e con retranca, elaborando disfraces a man para saír a vivila todas as noites que dura[…]
Porén, a resolución de Turismo de Galicia di que as alegacións efectuadas polo Concello “non poden prevalecer sobre o informe técnico”, polo que resolve arquivar o expediente de solicitude. O goberno municipal confirmou esta mañá que o Concello interporá un recurso contra esta resolución.