Lara Meneses sinalou o compromiso da Xunta de Galicia para ofrecer iniciativas de ocio para os mozos galegos. “Contamos cunha programación de calidade e diversa que é xa un referente en todo o Estado e inclúe propostas que van desde a expresión corporal ou as artes escénicas ata actividades deportivas”, sinalou.
Por outro lado, a directora xeral de Xuventude visitou en Ribadavia o campo Viaxa pola Istoria, no que un total de 13 mozos de Galicia, Madrid, Estremadura, A Rioxa e Castela e León, colaboran no proceso de organización da Festa de Interese Turístico Nacional que se celebrará na localidade a finais do mes de agosto. Deste xeito, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou que “esta modalidade conta na provincia de Ourense con 165 prazas que se suman ao total de 695 ofertadas en toda a nosa Comunidade”.
Tal e como indicou Lara Meneses, a oferta da provincia de Ourense forma parte da campaña que, baixo o lema O teu mellor verán, inclúe un total de 7.611 prazas nesta modalidade en toda Galicia. Trátase dunha cifra que, como engadiu, está incluída na programación estival da Xunta con 11.533 prazas en total, a maior convocatoria da súa historia.