Xunta de Galicia

A Xunta participa no proxecto Life-Silfore para a mellora dos bosques galegos

Esta iniciativa procura novos métodos para lograr que as masas forestais das zonas atlánticas sexan máis resistentes ao cambio climático e aos incendios forestais.

Óscar Gómez

Ourense | 16.02.2023 08:11

A Xunta participa no proxecto Life-Silfore para a mellora dos bosques galegos
A Xunta participa no proxecto Life-Silfore para a mellora dos bosques galegos | onda cero

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou na presentación do proxecto LIFE-Silfore para a mellora dos bosques galegos no Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Neste proxecto, a parte da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, participan tamén o Instituto Vasco de Investigación e Desenvolvemento Agrario, o Instituto Politécnico de Bragança (Portugal), o Servicio Regional de Investigación y Desarrollo Agroalimentario do Principado de Asturias e a Universidade de Santiago de Compostela.

Nunha contorna marcada polas consecuencias que está a ter o cambio climático nos bosques europeos, o proxecto LIFE-Silfore está na procura de novos métodos para lograr que as masas forestais das zonas atlánticas e subatlánticas sexan máis resistentes ao cambio climático; así como para facer un uso gandeiro dos bosques de cara a previr incendios forestais e aumentar a diversidade. Esta iniciativa estenderase ata o ano 2027, centrada na aplicación de medidas silvopastorais que promovan o desenvolvemento da economía rural e local.

Para lograr este obxectivo, o estudo LIFE-Silfore desenvolverá unha rede de nove demostradores en catro rexións da área atlántica-subatlántica que abranguen un total de 92,4 hectáreas: será no norte de Portugal, Galicia, Asturias e País Vasco. Deste xeito, inclúese gran parte da variedade ecolóxica e socioeconómica dos bosques das zonas atlántica-subatlánticas.

Neste contexto, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria realizará tres das demostracións enmarcadas neste proxecto. A primeira levarase a cabo no municipio pontevedrés de Moaña, centrada no aproveitamento do sotobosque de piñeirais e de matogueiras por medio de gando caprino de raza autóctona. A segunda implementará o silvopastoreo en bosques de carballos en Cenlle, na provincia de Ourense, por medio de gando porcino da raza autóctona Porco celta. A terceira encóntrase nunha zona parcialmente repoboada de piñeiro silvestre en Ribeira de Piquín, na provincia de Lugo, mediante aproveitamento por porco celta cun sistema automático e móbil de alimentación.

Xornada de campo

No marco da xornada, os participantes do proxecto LIFE-Silfore visitaron as parcelas da comunidade de montes veciñais en man común de Meira, no Monte Xaxán, un dos sitios de demostración que controlará o CIF Lourizán. Así, verán o aproveitamento silvopastoral de cabras nunhas parcelas con piñeiros e eucaliptos, observando o efecto do consumo de matogueiras de toxo e urce polas cabras e a incidencia destas sobre algunhas das árbores presentes, incluíndo algunhas frondosas, como o castiñeiro ou o carballo.

Tamén observarán a incidencia sobre o solo e a redución da biomasa vexetal, o cal reducirá as posibilidades e incidencia dos lumes. Pola tarde, realizarán a sesión técnica para resolver cuestión relativas á instalación dos demais sitios de demostración e actividades de seguimento dos parámetros medioambientais, sociais e económicos deste tipo de sistemas agroforestais.