A Xunta pide a Bruxelas unha “maior concreción e ambición” nas medidas de apoio a agricultores e gandeiros, en referencia á reunión celebrada onte polos ministros europeos de Agricultura, e da que, tras lamentar non ter unha comunicación oficial por parte do Goberno central, polo que “puidemos coñecer polos medios saíron boas intencións, pero sen acordos lexislativos nin un cronograma de actuacións”. Así o manifestou esta mañá o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, nunha visita a unha explotación de vacún de carne en extensivo de razas autóctonas Cachena e Limiá situada no concello ourensán de Laza, na que estivo acompañado polo alcalde deste municipio, José Ramón Barreal, e a xerente e socia da granxa, Teresa Gayoso.
Na súa intervención, José González ponderou o encontro de onte en Bruxelas, enmarcándoo no “aínda moi tímido” cambio de rumbo comunitario ante as protestas do sector agrario. “Esta evolución acredita a postura da Xunta, pero evidentemente non é suficiente”, remarcou o titular do Medio Rural en funcións, quen tras remarcar que as declaracións de onte do ministro Planas “van na liña que levamos defendendo dende Galicia”, volveu a apelar á necesidade de que o Goberno sexa agora “contundente” na defensa do sector primario en Europa, atendendo á condición de potencia agroalimentaria e partindo da demanda dunha “moratoria urxente e temporal” da nova lexislación comunitaria que afoga a agricultores e gandeiros nunha maraña burocrática.
Esta moratoria, insistiu González, debe abrir unha “reflexión profunda” sobre o papel da agricultora e gandaría en Europa, e desembocar en medidas estruturais, como a introdución obrigatoria de cláusulas espello en todos os tratados comerciais internacionais; garantir prezos xustos e prohibir a venda a perdas -unha cuestión, lembrou, que a nivel estatal esixe a modificación da Lei da Cadea Alimentaria-; reducir a carga administrativa de agricultores e gandeiros; e redeseñar certas cuestións lexislativas da nova PAC, atendendo ás condicións reais dos territorios e as particularidades dos seus sistemas de produción, e cunha posterior aplicación gradual e progresiva.
Demandas dos agricultores e gandeiros
Ademais de instar a acadar “compromisos reais” por parte da Comisión Europea, fixando os mecanismos que permitirán facer efectivo este cambio, González insistiu precisamente na necesidade de afondar en demandas moi nítidas dos agricultores e gandeiros -e nomeadamente, dos agricultores e gandeiros galegos-, e que son compartidas pola Xunta. Neste sentido, lembrou que este posicionamento foi trasladado por parte do goberno autonómico, dende a máxima lealdade institucional, en repetidas ocasións ao Goberno central, tanto en reunións como a do Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios -celebrado o pasado luns 19 de febreiro- como por escrito -a través, por exemplo, dunha carta remitida ao ministro Luis Planas o xoves 23 de febreiro-.
En concreto, o conselleiro do Medio Rural en funcións quixo expresar a súa preocupación por unha posible desatención de reivindicacións vitais para o sector, como pode ser a implantación voluntaria do caderno dixital; a flexibilización da figura do veterinario de explotación e os requisitos ambientais sobre fertilización sustentable; ou a adaptación dos ecorrexímenes ás particularidades de territorios como o de Galicia.
Compromiso co sector cárnico
Dentro do “máximo compromiso” con agricultores e gandeiros, José González puxo en valor o papel do sector cárnico no rural galego, “fundamental tanto na dinamización como na propia xestión do territorio”, e que a Xunta apoia a través da Estratexia de carne e liñas estratéxicas como a da remuda xeracional, coa que no período 2009-2024 preto de 5.000 mozos e mozas -un deles, na granxa visitada hoxe en Laza- incorporaranse ao rural co apoio da Xunta, que leva investido con este obxectivo máis de 160 millóns de euros.
A maiores, tamén resaltou que explotacións como a visitada hoxe mesmo axudan “dun xeito fundamental” a dinamizar e protexer ao territorio fronte aos incendios forestais. De feito, lembrou que nas últimas semanas, o Consello da Xunta avaliou unha liña de axudas para fomentar a gandaría en extensivo como ferramenta de prevención fronte aos lumes, ademais doutra para desenvolver unha experiencia piloto que contempla a adquisición e manexo deste tipo de gando para facilitar o control da biomasa en áreas estratéxicas localizadas.