A Xunta de Galicia ten nestes momentos á disposición das familias galegas as axudas do Bono eléctrico, cun orzamento de 1,9M€ para que os fogares que máis o precisan poidan facer fronte á factura da luz e evitar, así, os cortes de subministración.
As novas axudas, que en 2021 chegaron a 5278 familias, van dirixidas a consumidores cunha maior vulnerabilidade desde o punto de vista económico. Os destinatarios deben ser persoas residentes en Galicia e titulares dun servizo de subministración eléctrica.
As axudas outórganse por concorrencia non competitiva -é dicir, por orde de entrada da solicitude- a todos cantos cumpren os requisitos e supoñen un 50% da factura eléctrica correspondente á vivenda habitual do solicitante cunha contía máxima anual de 300 ou 450 euros -no caso de familias numerosas-. Ademais, estas familias con máis dificultades que se beneficien deste programa de apoios terán garantido o acceso continuado á subministración nos fogares, dando así resposta a unha necesidade básica dos cidadáns, pois non se lles poderá cortar o servizo mentres sexan beneficiarios desta axuda.
Como mostra do compromiso coa axilidade deste procedemento, establécese un prazo máximo dun mes desde a presentación da solicitude ata a súa resolución, polo que unha vez que se comprobe que se cumpren os requisitos, realizarase o pagamento por parte da Vicepresidencia económica directamente ás empresas comercializadoras de referencia coas que se renovará o protocolo de colaboración. Este pagamento realizarase de xeito mensual, segundo se vaian remitindo as facturas.
Galicia xa foi pioneira nesta liña de axudas no ano 2018 –é a única Comunidade que conta cun mecanismo destas características–. Desde entón concedéronse 15.030 axudas por un importe de algo máis de 4,8M€. Antes, a Xunta contaba co tícket eléctrico e con axudas para evitar os cortes de subministración das que se beneficiaron entre 2014 e 2017 máis de 12.500 familias. Polo tanto, desde 2014 ata agora, a contía global das axudas ascende a 6,35 millóns de euros, e con máis de 27.000 familias beneficiadas.
Con esta liña de axudas, adaptada á normativa estatal, a Xunta segue fiel ao seu compromiso coas familias máis desfavorecidas que non contan coa posibilidade de facer fronte ás súas facturas eléctricas, sobre todo nun momento no que o prezo da luz se ten incrementado considerablemente. Asegúrase, así, o acceso a unha necesidade tan básica como é a enerxía eléctrica, garantindo que non se produzan cortes no servizo, xa que a normativa estatal establece que os puntos de subministración deste tipo de beneficiarios serán considerados esenciais e, polo tanto, non se lles poderá cortar sempre e cando exista o oportuno convenio entre a Administración autonómica e as comercializadoras.
En paralelo, a Xunta reitera a necesidade de que o Goberno central poña en marcha un plan de choque coordinado coas comunidades autónomas para paliar o incremento de prezos da electricidade que está lastrando a competitividade de pemes, autónomos e da industria en xeral, e afectando á economía das familias.