A Xunta de Galicia pon en marcha a planta de biorresiduos de Verín para dar servizo aos concellos da provincia de Ourense logo dun investimento de máis de 6 millóns de euros, segundo explicou hoxe a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.
Durante unha visita ás novas instalacións, na que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, a vicepresidenta segunda subliñou que esta planta forma parte da rede pública de infraestruturas para a valorización da fracción orgánica contida nos residuos municipios, que supuxo un investimento de 45 millóns de euros, que contou con cofinanciamento dos Fondos FEDER REACT EU.
“O obxectivo é apoiar aos concellos no cumprimento da normativa europea que establece que deben ter implementada a recollida diferenciada da materia orgánica a través do quinto contedor antes do 31 de decembro de 2023”, aseverou Ángeles Vázquez.
Cómpre lembrar que a execución desta rede de infraestruturas correu a cargo de Sogama e está orientada á transformación dos restos orgánicos e compost. Así, segundo lembrou a vicepresidenta segunda, esta rede está formada por 4 plantas de biorresiduos –unha por provincia-, que estarán apoiadas por 13 plantas de transferencia, das que 6 son de nova construción e 7 foron remodeladas.
Nesa liña, a planta de Verín dará servizo aos 22 concellos da súa área de influencia directa cunha poboación de preto de 50.000 habitantes e, ademais, recibirá e tratará os biorresiduos recollidos nas plantas de transferencia de San Cibrao das Viñas -52 municipios con 252.587 habitantes- e A Rúa -18 concellos cunha poboación de 27.389 habitantes-.
Máis polo miúdo, Ángeles Vázquez avanzou que nos próximos días a planta recibirá e transformará a materia orgánica producida por grandes xeradores dos 13 concellos integrados no servizo de recollida de residuos da Deputación de Ourense e, nas vindeiras semanas, dará servizo directo aos 22 concellos que se atopan na súa área de influencia.
Deste xeito, esta planta terá capacidade para tratar 3.000 toneladas anuais de materia orgánica e 1.600 toneladas de material estruturante e estímase que producirá 1.500 toneladas/ano de compost.
Para concluír, a vicepresidenta segunda incidiu en que en 2024 o Goberno galego seguirá a colaborar cos concellos para axudalos no exercicio das súas competencias. Así, nos orzamentos autonómicos recóllese unha partida de 20,6 millóns de euros para continuar coas axudas a concellos, entidades sen ánimo e empresas de cara a mellorar a xestión dos residuos. E, ademais, triplicarase a partida, ata chegar aos preto de 770.000 euros, para o asesoramento en materia de residuos ás entidades locais e ao impulso da economía circular no sector privado.