Turismo

A Xunta pon en valor o mercado dixital para fomentar o consumo de proximidade de calidade

José Luis Cabarcos destacou a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, a cal persegue aumentar o valor engadido dos viños galegos, mellorando a rendibilidade e a sustentabilidade da produción vitícola.

Óscar Gómez

Ourense | 11.07.2022 08:40

A Xunta pon en valor o mercado dixital para fomentar o consumo de proximidade de calidade
A Xunta pon en valor o mercado dixital para fomentar o consumo de proximidade de calidade | onda cero

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, asistiu á XXIII Feira do Viño de Valdeorras, onde puxo en valor o mercado dixital dos produtos galegos de calidade para fomentar o consumo de proximidade e de calidade. Así, o director destacou a recente posta en marcha deste portal dixital dedicado ás 36 experiencias de calidade galegas, onde xa se poden comprar -dende calquera punto de España- os viños, augardentes, licores tradicionais, queixos e meles premiados nas Catas de Galicia 2021, aínda que de xeito paulatino se irán incluíndo tamén o resto de produtos con distintivo de calidade.

Neste senso, José Luis Cabarcos sinalou que se trata dunha forma de valorizar, promocionar e recoñecer a excelencia das experiencias de calidade que nacen en Galicia, ao tempo que se contribúe á competitividade dos produtores locais, xa que son os propios produtores os que fixan os prezos das súas producións e os que reciben integramente a cantidade que se paga por cada unha. Desta forma, matizou o director, poténciase o circuíto curto a través dunha plataforma loxística innovadora como é este mercado dixital, elaborado entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

Ademais, José Luis Cabarcos insistiu en que a potenciación das producións agroalimentarias e, nomeadamente, as acollidas aos diferentes indicativos de calidade como son os viños de Valdeorras axudan a crear unha imaxe positiva de Galicia que repercute de xeito favorable en toda a economía do medio rural galego e, por extensión, no conxunto da comunidade autónoma.

Precisamente, para consolidar o éxito deste sector e o prestixio dos viños galegos, a Xunta puxo en marcha unha Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia co fin de conseguir un sector consolidado e competitivo nos mercados nacional e internacional, cun enoturismo de referencia e con capacidade para xerar valor nas comarcas vitivinícolas de xeito sustentable. Así, Cabarcos salientou que dita estratexia persegue aumentar o valor engadido dos viños galegos, mellorando a rendibilidade e a sustentabilidade da produción vitícola.

Ademais, insistiu o director, para reforzar esa promoción e internacionalización cómpre destacar a liña de axudas para promoción en terceiros países, que permiten financiar accións que faciliten a comercialización dos viños con denominación de orixe en países de fóra da Unión. Así, nos últimos tres anos (2019-2021), a Consellería do Medio Rural destinou preto de 3,4 millóns de euros para impulsar este tipo de accións promocionais. Así mesmo, destacou o importante apoio que brinda a Consellería aos distintos consellos reguladores para a realización das súas funcións, tanto de promoción e defensa da denominación como de control e de garantía da calidade dos viños. Así, nos últimos tres anos estas corporacións recibiron das arcas públicas máis de seis millóns de euros.

Neste senso, José Luis Cabarcos destacou que este ano poderanse beneficiar da simplificación tecnolóxica impulsada pola Xunta para declarar a colleita de uva os máis de 10.000 viticultores das cinco denominacións de orixe do viño galegas, entre elas Valdeorras, ofrecendo a vía electrónica e a intermediación dos consellos reguladores en lugar dos trámites nas oficinas agrarias comarcais.

DO Valdeorras

Por último, o director destacou que o viño valdeorrés xerou no ano 2021 un valor económico estimado próximo aos 26 millóns de euros e unha produción certificada de máis de 7.000 toneladas, un 28% máis que na colleita do ano 2020. Así mesmo, Cabarcos felicitou aos premiados desta denominación nas últimas Catas de Galicia, celebradas este pasado mércores en Santiago, onde foron galardoadas as adegas A Coroa, S.A.T. co acio de ouro en viños brancos por “A Coroa” e a Santa Marta Bodegas, S.A.T. co acio de ouro en viños tintos por “Viñaredo”.