O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou no acto de constitución do Clúster da Biomasa de Galicia, que se celebrou no CIS Madeira, en San Cibrao das Viñas. Durante a súa intervención, aplaudiu esta decisión da industria forestal, ao tratarse dunha das enerxías alternativas con máis presente e futuro e ratificou o compromiso da Xunta con este sector, xa que se renovará a Estratexia Integral de Impulso da Biomasa durante o período 2021-2025.
Conde subliñou que o futuro do forestal pasa por integrar as novas tecnoloxías, explorar novos usos da madeira, ser parte do éxito do contract, e conseguir un maior aproveitamento dos recursos forestais para convertelos nunha fonte de enerxía renovable como a biomasa.
Neste sentido, ratificou a aposta da Xunta por unha Galicia máis verde con iniciativas como o proxecto para promover unha xestión sustentable dos bosques galegos que opta aos fondos europeos e que contempla un investimento público-privado de 1140M€ para crear unha fábrica de téxtiles a partir da madeira e producir 200.000 toneladas ao ano. Tamén lembrou os apoios da Administración autonómica para fomentar o uso de biomasa tanto por parte de particulares, como nas entidades do sector público e nas empresas. Así, a Estratexia Integral de Impulso á Biomasa favoreceu a instalación de 7000 caldeiras entre 2014 e 2020 –cunha mobilización de 80M€–, actuacións en 72 edificios públicos e a creación de 700 empregos. Destacou que esta industria contribúe a defender o selo de Galicia Calidade poñendo en valor a orixe e calidade da biomasa.
Conde asegurou que a industria forestal desempeñará un papel clave na transformación económica e por iso celebrou a constitución deste novo clúster –integrado inicialmente por 30 empresas– que permitirá activar redes de colaboración público-privadas, e establecer unha verdadeira comunidade de coñecemento ao redor desta industria para avanzar na innovación, o emprendemento e a internacionalización. Aliñándose, ademais, coas grandes mensaxes do Green Deal para impulsar a economía circular, a valorización de residuos e a xeración de fontes de calor procedente de renovables.
De feito, preténdese promover o uso de biocombustibles e enerxías renovables procedentes de recursos forestais, dotarse de maior capacidade para competir a nivel internacional, consolidarse como unha industria de referencia –o 6,4% da enerxía primaria consumida en Galicia ten a súa orixe na biomasa o que a sitúa como primeira fonte autóctona, xerando, ademais, 3500 empregos directos.