A Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia celebra este ano o seu 40º aniversario coa que será a edición “máis plural, inclusiva e festiva” da súa historia. O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude avanzou que “este periplo en paralelo traballando polo teatro do país” será celebrado conxuntamente coa presenza da compañía pública na carteleira da Mostra de Ribadavia, onde o 26 de xullo estreará Nada se sabe, coprodución con Culturactiva que forma parte da ampla programación do 40º aniversario do CDG.
Coprodución inaugural
Sutil anunciou, así mesmo, que o espectáculo inaugural desta edición será outra coprodución promovida pola Xunta de Galicia, neste caso a través do Centro Coreográfico Galego. Trátase de Dique, de Nova Galega de Danza con dirección de Marta Pazos, que precisamente terá a súa estrea absoluta o vindeiro 21 de xuño no Salón Teatro.
Participaron tamén na presentación desta 40ª edición da Mostra Internacional de Teatro o alcalde de Ribadavia, César Fernández; o director artístico do festival, Roberto Pascual, e o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, quen ofreceu máis detalles do espectáculo Nada se sabe.
Traballo a prol da inclusión
Nesta proposta, que afonda na liña de traballo inclusivo desenvolvida polo Centro Dramático Galego, dúas actrices e dous actores con diversidade funcional repasan diversas versións da discapacidade no teatro clásico, deténdose nunha adaptación moderna e sinxela de Filoctetes,
unha das traxedias gregas de Sófocles, asinada por Manuel Lourenzo. Ignacio García, quen fora director do Festival de Teatro Clásico de Almagro, e Fran Rei dirixen esta peza a modo de creación colectiva, para a que contan tamén coas achegas de Francisco Sánchez e do elenco integrado por Carme García Rigau, Rubén Bargiela Sierpes, Corina Alfonso Maña e Elvis García Torres.
Durante os seus nove días de celebración, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia recibirá outras recoñecidas figuras da creación e dirección escénica, como Guillermo Calderón, Alice Ripoll, Alberto Conejero ou Esther Carrodeguas como parte dunha carteleira na que tamén figuran grande nomes do clown, como o arxentino Gabriel Chamé e a inglesa Peta Lily, así como as estreas en Galicia dos novos traballos de Alberto Velasco ou Los Galindos.
Documentais, coloquios, cursos e presentacións complementan a intensa programación de espectáculos, para a que xa están á venda os bonos en ataquilla.com. Poderán adquirirse por esta vía ata o 24 de xuño, data a partir da que as entradas restantes estarán dispoñibles tanto na oficina da mostra como na súa web.