O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, asistiu á XXVII Festa da castaña e do cogomelo de Riós. Alí reafirmou o seu compromiso co sector da castaña, para o que a Consellería do Medio Rural investirá o ano que vén 4,8 millóns de euros.
Deste orzamento, 3,8 millóns resérvanse para novas plantacións e a restauración de soutos, mentres que o millón de euros restante empregarase en accións modelo de mellora de soutos a través de convenios con asociacións de xestión conxunta. Ademais, a estes apartados hai que sumar 150.000 euros máis que a XERA reservará para a valorización da madeira das masas de frondosas caducifolias.
Así mesmo, no marco do Programa estratéxico do castiñeiro e da produción da castaña, a Consellería prevé recuperar 8.000 hectáreas de soutos tradicionais e plantar 16.000 novas hectáreas para a produción de madeira e de froito desta especie. Para iso, investiranse preto de 22 millóns de euros ata o 2025, dando así cumprimento tamén aos obxectivos da 1ª revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”.
En concreto, o programa establece unha diagnose da situación actual dos castiñeiros de Galicia como base para programar 36 actuacións integradas en cinco eixes de intervención, que se centran na planificación e seguimento da produción, na transferencia de información dende as entidades investigadoras e no apoio ao sector viveirístico para garantir a subministración de planta, no fomento de recursos e aproveitamentos, no impulso á comercialización e á calidade da castaña e, por último, na mellora da competitividade das empresas.
Así, a través deste plan, a Xunta busca consolidar Galicia como a principal rexión en produción e exportación de castañas de España, ao aglutinar máis da metade da produción e unha porcentaxe similar das empresas comercializadoras e das industrias de primeira e segunda transformación vinculadas a este aproveitamento forestal.
Cómpre sinalar que, cunha a superficie actual de castiñeiro en Galicia que supera as 49.000 hectáreas, a produción media nos últimos anos é próxima aos 20 millóns de quilogramos, o que se traduce nun valor económico que rolda os 20 millóns de euros pagados aos produtores e os 50 millóns de euros en produtos transformados.
Por último, cómpre destacar o convenio asinado entre a Consellería do Medio Rural e o Concello de Riós para identificar, recuperar e promocionar a riqueza forestal das provincias de Lugo e Ourense, impulsando o cultivo do castiñeiro e o aproveitamento das distintas variedades de froito.
En concreto, o Goberno galego sufraga cinco tipo de accións: a identificación de soutos tradicionais e masas de frondosas autóctonas de especial interese nas provincias de Lugo e Ourense, a vixilancia e loita contra as doenzas destas árbores e cursos de formación para produtores ou persoas interesadas en incorporarse ao sector primario. Tamén o establecemento de puntos de contraste sobre o terreo para garantir a actualización do Inventario Forestal Continuo de Galicia e accións de boa gobernanza en comunidades de montes veciñais en man común, así como a creación de agrupacións forestais de xestión conxunta.
Este convenio -con vocación de continuidade- responde á finalidade da Xunta de seguir desenvolvendo o sector primario sobre todo en zonas cun gran potencial forestal e agrícola, xerando novas oportunidades de emprego e riqueza a través, neste caso, da xestión activa dos soutos e dos bosques de frondosas autóctonas. Precisamente, o acordo desenvólvese mediante o Centro de Desenvolvemento Agroforestal de Riós, que está situado nunha área de montaña na que ten especial importancia o cultivo do castiñeiro.