Cooperación

A Xunta recoñece a labor de Protección Civil na provincia de ourense

O delegado territorial da Xunta fixo entrega das medallas aos membros das AVPC da provincia que non puideron asistir ao acto celebrado o pasado novembro na Academia Galega de Seguridade Pública.

Óscar Gómez

Ourense | 11.01.2023 08:11

A Xunta recoñece a labor de Proteción Civil na provincia de ourense
A Xunta recoñece a labor de Proteción Civil na provincia de ourense | onda cero

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou no acto de entrega de medallas ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) da provincia de Ourense que non puideron asistir á entrega de condecoracións de Protección Civil de Galicia celebrada o pasado novembro na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), na Estrada, con representantes das AVPC de toda a Comunidade, así como das forzas e corpos de seguridade e de servizos de emerxencia galegos.

O delegado territorial destacou, diante dos membros das AVPC de A Veiga, Vilariño de Conso, Esgos, Celanova e O Carballiño, que actos como o de hoxe serven de homenaxe ao traballo feito durante as vagas de incendios do pasado verán na provincia ourensá, con máis de 150 operativos para atender ás persoas desaloxadas por mor dos lumes, e “ao imprescindible labor” dos voluntarios destas agrupacións complementando aos servizos municipais nos dispositivos para “atender aos veciños no día a día” en todos os días do ano.

Gabriel Alén significou que pese a tratarse dunha competencia dos municipios de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos de menor poboación, a Xunta mantén o seu compromiso cos servizos de emerxencias dos concellos nos orzamentos de 2023. Así, destínase 1 millón de euros a dotalos do equipamento necesario, que se suman ao investimento histórico de 24 millóns de euros desde 2009 e dos que 14 millóns corresponden ás AVPC.

Ademais de colaborar en equipar os efectivos das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, a Administración autonómica leva investidos 4 millóns de euros nos seus gastos de funcionamento a través da liña de axudas anual que en 2023 se volverá a renovar mantendo a contía de 340.000 euros.

O Goberno galego tamén asume máis da metade do custo anual de mantemento dos GES co obxectivo de mellorar o mapa de emerxencias da comunidade, polo que reserva nas contas deste ano a partida necesaria para renovar o convenio coas deputacións de Lugo e A Coruña e os concellos desta provincia que venceu a finais de 2022.

O delegado territorial destacou por último o convenio de colaboración entre a Xunta, a Deputación provincial e a FEGAMP para o desenvolvemento dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), que permitiu incrementar as plantillas e mellorar o funcionamento dos 12 GES da provincia ourensá.