O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou na presentación á veciñanza dos traballos impulsados polo Goberno galego no retablo maior e as súas imaxes da igrexa de Santa María de Macendo, no concello ourensán de Castrelo de Miño. Tras este acto celebrouse unha misa presidida polo bispo de Ourense, Leonardo Lemos.
Tal e como explicou o responsable autonómico de Cultura durante a visita, a actuación que ven de rematar o seu departamento permitiu blindar a estrutura do retablo e recuperar a policromía naquelas zonas que estaban máis deterioradas, especialmente no espazo central. “Ao comezo dos traballos os técnicos detectaron que o elemento máis deteriorado era a estrutura polo que se centraron en recuperala e evitar así o risco de colapso”, afirmou.
Así, Román Rodríguez celebrou que a intervención levada a cabo permita garantir “o mellor futuro ao noso pasado máis singular” e dar unha segunda vida a este retablo do século XIX situado nun dos bens patrimoniais máis singulares do concello de Castrelo de Miño e incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia. “Un dos principais símbolos patrimoniais deste concello é precisamente esta igrexa que todos temos a obriga de conservar e manter e da que os veciños se senten tremendamente orgullosos”, salientou.
Froito deste compromiso co patrimonio, a Xunta incrementará o vindeiro ano a partida destinada á conservación, restauración, investigación e divulgación nun 14%. “Os orzamentos de 2023 son unhas contas comprometidas cunha das maiores riquezas dos galegos e farán posible que manteñamos firme a nosa obriga de coidar e preservar este gran legado”, destacou o conselleiro.
En concreto, as obras que contaron cun investimento de case 70.000€ consistiron na revisión, limpeza e fixación da policromía, dos elementos decorativos da zona do ático e do soporte. Así mesmo, modificouse tanto o cabreado que vai desde a zona da sancristía ao interior da fornela da Virxe como o que atravesa o marco do panel da porta esquerda de acceso á sancristía ata o chan, posibilitando a apertura da mesma e reforzouse a estrutura. Tamén se levou a cabo unha desinsectación curativa e preventiva e instaláronse tres novos focos led para a iluminación do conxunto do retablo e da fornela central.
O proxecto completouse coa eliminación de elementos alleos á obra, coa restauración das imaxes e coa reintegración cromática naquelas zonas do retablo na que o paso do tempo e o deterioro provocara lagoas na policromía.