RESIDENCIA MAIORES

A Xunta reformará a residencia de maiores de Manzaneda

O goberno galego destinará máis de 300.000 euros para mellorar as instalacións desta residencia con capacidade para 40 usuarios

Jesús Álvarez

Ourense |

Residencia maiores Manzaneda
Residencia maiores Manzaneda | Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia financiará o 100% do proxecto que ten o Concello de Manzaneda para reformar a súa residencia de maiores cun investimento de 305.000 euros. Anuncióuno o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez nunha visita a este concello ourensán.

A actuación permitirá a mellora das condicións tanto de seguridade como de accesibilidade, así como a súa funcionalidade ademais de aumentar a eficiencia enerxética do inmoble. A intervención tamén inclúe a reforma da zona de enfermería e das habitacións desta residencia con capacidade para atender a 40 usuarios. Segundo explicou Perfecto Rodríguez a previsión é asinar nas vindeiras semanas o convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello, co obxectivo de que os traballos poidan comezar a finais deste mesmo ano.

Esta reforma da residencia de maiores de Manzaneda é parte da vintena de actuacións que sufragará o Goberno galego con cargo ao novo Plan de investimentos para a construción, reforma ou ampliación de equipamentos sociais de titularidade municipal e que está dotado de 18,5 millóns de euros e acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Nesta liña, engadiu que a través deste programa, "o goberno galego dará un impulso histórico aos recursos para o coidado dos maiores que teñen os concellos galegos creando 500 novas prazas públicas de residencias e outras 150 de atención diurna".