A Xunta reforzará os servizos de autobús entre O Carballiño e Ourense con dous servizos máis polas tardes de luns a venres. A liña Estación de Autobuses do Carballiño-As Lagoas contará cun novo servizo de ida que sairá ás 17,15 horas do Carballiño e outro de volta que regresará ás 17,55 horas desde Ourense.
Estes novos servizos incrementarán as frecuencias polas tardes entre os meses de setembro a xuño, para atender as necesidades dos cidadáns e dos estudantes que viaxan entre O Carballiño e Ourense nestes horarios. A partir da súa posta en marcha analizarase se existe demanda destes novos servizos por parte dos usuarios para mantelos tamén nos meses de verán. De constatarse que hai demanda, esas dúas expedicións poderán estenderse a todo o ano.
Nestes servizos, como en todo o transporte público autonómico, os menores de 21 anos poden viaxar gratis empregando a tarxeta Xente Nova e o resto de usuarios poden beneficiarse dos descontos da tarxeta de mobilidade de Galicia (TMG). Actualmente 390 mozos do Carballiño e máis de 2.600 da provincia de Ourense dispoñen da tarxeta Xente Nova da Xunta.
A información relativa aos novos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal