Cultura

A Xunta reforzará o apoio á industria audivisual cunha nova liña de subvencións

Román Rodríguez agradece ao sector o seu compromiso por manter o seu nivel de actividade en rodaxes e estreas e demostrar “ser un motor da nosa cultura”

Óscar Gómez

Ourense | 05.04.2021 08:18

A Xunta reforzará o apoio á industria audivisual cunha nova liña de subvencións
A Xunta reforzará o apoio á industria audivisual cunha nova liña de subvencións | onda cero

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañados polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén e o director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asistiu hoxe en Ourense á preestrea da comedia Cuñados, longametraxe da compañía Portocabo que conta co apoio da Xunta de Galicia. No acto, Román Rodríguez, felicitou ao equipo técnico e artístico da película aos que puxo como exemplo do “extraordinario talento creativo” e o compromiso dos profesionais galegos para que o audiovisual galego sexa xa un referente nos ámbitos nacionais e internacionais.

“O noso cine está a darnos moitas alegrías, mantendo o seu nivel de actividade en canto a rodaxes e estreas, con recoñecementos en festivais internacionais de primeiro nivel e demostrando ser un gran motor da nosa cultura”, expresou. Neste sentido, recordou a aposta da Xunta por estar presente en todo o proceso creativo a través dunha política permanente de apoio con programas de subvencións específicos para o audiovisual que impulsan o talento, desenvolvemento de proxectos, asistencia a mercados e foros internacionais, difusión de festivais e mostras nacionais e internacionais. A isto súmase unha de nova creación, dirixida ás salas galegas de exhibición cinematográfica.

“No Goberno galego non fomos nin somos alleos ás dificultades que trouxo a pandemia. De feito, a atención a este sector focaliza parte importante do Plan de Reactivación da Cultura con máis de 3 M€ en seis liñas de subvención para apoiar cadanseu momento do proceso que vai desde a creación á distribución cinematográfica” engadiu. Así o reflicte tamén o apoio realizado a Cuñados, que conta cunha achega de preto de 260.000 euros a través da convocatoria de subvencións á produción audiovisual.

Distribución en 100 salas

A estrea de Cuñados supón a incursión nun xénero ata agora pouco transitado polo audiovisual da Comunidade. Rodada en versión orixinal en galego, con posterior dobraxe ao castelán dos actores protagonistas, gravouse integramente na cidade de Ourense e noutras localizacións da provincia e, grazas á alianza con Fílmax, terá unha distribución sen precedentes para unha película galega xa que a partir do 9 de abril proxectaranse 100 copias do filme noutras tantas salas de toda España.

A longametraxe vén avalada pola súa participación en mercados profesionais como o American Film Market, de Los Ángeles ou o European Film Market de Berlín e conta con participar no Marché du Film de Cannes. Trátase da primeira incursión no formato de longametraxe da compañía Portocabo, empresa especializada en series e formatos televisivos de ficción, con títulos de éxito como Hierro, que foi Premio Ondas e Premio Feroz, Auga Seca, Vidago Palace ou Os fillos do sol.

Trátase dunha comedia sobre as peripecias delitivas de tres cuñados unidos polo azar e embarcados nun plan disparatado para salvar á súa familia. Está protagonizada por Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira, Federico Pérez, Eva Fernández, Iolanda Muiños, María Vázquez e Mela Casal.