Igualdade

A Xunta renova o convenio para atención das victimas de violencia de xénero

Lorenzana puxo en valor a atención psicolóxica ás vítimas como instrumento para o tratamento integral da violencia

Óscar Gómez

Ourense | 05.05.2021 08:14

A Xunta renova o convenio para atención das victimas de violencia de xénero
A Xunta renova o convenio para atención das victimas de violencia de xénero | onda cero

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinou en Santiago de Compostela un novo convenio de colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia para garantir unha quenda de garda de atención psicolóxica a mulleres e menores que sofren violencia de xénero, un programa que conta cunha achega de 80.000 euros.

Tal e como resaltou a conselleira, “a atención psicolóxica é un instrumento fundamental para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, para a protección e o apoio ás mulleres que a sofren, pero tamén para os seus fillos e fillas, testemuñas e vítimas da violencia familiar”. Por este motivo a Xunta vén de reafirmar a súa alianza co Colexio de Psicoloxía de Galicia por terceiro ano consecutivo, co obxecto de manter unha quenda de garda psicolóxica “especializada e permanente” para mulleres e os seus fillos e fillas menores e consolidar, deste xeito, un programa que se concibiu de maneira pioneira en España a finais de 2018. Desde entón, máis de 120 persoas resultaron atendidas polo dispositivo.

“O interese prioritario é ofrecer atención inmediata e personalizada a través de profesionais con formación específica que, de xeito gratuíto, realizarán unha atención continuada as 24 horas os 365 días ao ano”, detallou Lorenzana.

A quenda de garda psicolóxica actívase de forma inmediata nos casos de urxencia e garante a presenza dun profesional desde o momento posterior de producirse unha agresión. A atención psicolóxica ten carácter inmediato nestes casos e se presta en todos os partidos xudiciais galegos a requirimento das forzas e corpos de seguridade.

O acordo hoxe asinado insírese dentro das medidas activadas na Comunidade galega do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e a súa vixencia chegará ao 31 de xaneiro de 2022.

Segundo manifestou a conselleira de Emprego e Igualdade, a renovación deste convenio “constitúe unha mostra máis do compromiso da Xunta de Galicia coa atención integral ás vítimas da violencia de xénero, obxectivo prioritario deste Goberno para o que seguiremos aumentando recursos e sumando todo tipo de esforzos e alianzas”.

De feito a colaboración da Xunta co Colexio Oficial de Psicoloxía en materia de violencia de xénero é constante. Nos últimos doce anos traduciuse en diferentes liñas de colaboración que suman case 3 millóns de euros. “Esta aportación económica posibilita, ademais do servizo de apoio psicolóxico a mulleres e menores, cun programa específico dirixido a tratar con homes que presenten condutas problemáticas de control da violencia no ámbito familiar”, subliñou Lorenzana