Incendios

A Xunta reunirase cos alcaldes de Lobios e Muiños para comenzar a recuperación do Parque do Xurés

A conselleira de Medio Ambiente e ambos rexedores coincidiron en amosar a súa preocupación polo impacto causado polo lume nun espazo de gran riqueza natural

Óscar Gómez

Ourense |

O Xurés nos últimos incendios | La Voz de Galicia

. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo unha reunión por videoconferencia cos rexedores de Lobios, María del Carmen Yáñez, e de Muíños, Plácido Álvarez, co obxectivo de analizar a situación actual nestes municipios, dous dos máis afectados polos incendios forestais que se están a producir nos últimos días na zona do Parque Natural Baixa Limia-Serrá do Xurés.

Durante a xuntanza, na que tamén participaron a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, a xefa territorial de Medio Ambiente en Ourense, Victoria Núñez, e a xefa da Área de Servizos de Parques Naturais da provincia, Alba Lombao, a conselleira e ambos rexedores coincidiron en amosar a súa preocupación polo impacto causado polo lume nun espazo de gran riqueza natural, así como na necesidade de comezar a preparar canto antes a recuperación daquelas zonas que resultaron máis afectadas.

Neste sentido, ambas institucións acordaron traballar xuntas e iniciar con carácter inmediato os traballos previos para elaborar un completo plan de rexeneración do Xurés, o máis extenso dos seis parques naturais existentes en Galicia, cunha superficie total de preto de 30.000 hectáreas.

Reunión da conselleira cos alcaldes de Lobios e Muiños | onda cero

Así mesmo, Vázquez Mejuto ofreceulle aos alcaldes a colaboración da Xunta para traballar unidos e coa maior celeridade posible na recuperación dos valores naturais que resultaran afectados polo lume.

Na mesma liña, tamén lles trasladou que os axentes medioambientais do seu departamento –que, segundo indicou, participaron desde o primeiro día xunto ao persoal do parque natural no operativo de emerxencias- colaborarán cos axentes forestais da Consellería do Medio Rural e coas forzas e corpos de seguridade para esclarecer as causas destes lumes.

Por último, a conselleira de Medio Ambiente aproveitou a xuntanza para amosar a súa máis contundente condena ante a acción indiscriminada dos incendiarios e tendeulles a man a rexedores, veciños e propietarios dos concellos máis afectados polo lume nesta zona para que conten co apoio da Xunta.