Xinzo de Limia

A Xunta senta as primeiras bases para a elaboración do Plan Estratéxico do sector agrario da Limia

No proceso participan representantes do Goberno galego, produtores, sindicatos, asociacións empresariais, consellos reguladores, departamentos de investigación universitarios ou comunidades de montes e de regantes

Óscar Gómez

Ourense | 04.01.2021 12:07

A Xunta senta as primeiras bases para a elaboración do Plan Estratéxico do sector agrario da Limia
A Xunta senta as primeiras bases para a elaboración do Plan Estratéxico do sector agrario da Limia | onda cero

A Xunta vén de sentar as primeiras bases para a elaboración do Plan Estratéxico do Sector Agrario da Limia coa celebración de catro encontros virtuais para a diagnose e a proposta de medidas de mellora nos sectores gandeiro e agrícola da man dos axentes implicados nesta comarca ourensá. Para a redacción dun documento de consenso, no proceso participan -entre outros- representantes do Goberno galego, produtores, cooperativas, sindicatos, asociacións empresariais, consellos reguladores, departamentos de investigación universitarios, distritos forestais, oficinas agrarias comarcais e comunidades de montes ou de regantes.

Para a elaboración do Plan Estratéxico no contexto da pandemia pola covid-19, creouse unha rede virtual de diálogo colaborativo, artellada nunhas xuntanzas que incluíron a realización de cuestionarios interactivos sobre diferentes temáticas. Mentres o primeiro encontro foi eminentemente de diagnóstico, os tres posteriores serviron para propoñer actuacións no ámbito da gandaría, a agricultura e ao respecto da xestión de subprodutos e residuos agrogandeiros.

Así, na primeira reunión fixouse como principal reto global a sustentabilidade, mediante un modelo produtivo sostible económica e medioambientalmente, un tratamento axeitado dos residuos agrograndeiros, un plan de regadíos ou a posta en valor dos produtos agrarios da comarca da Limia. Nesa liña, identificáronse como aspectos nos que centrar os esforzos a mellora da calidade da produción e a transformación do produto.

Canto á gandaría, abordouse a importancia de mellorar a xestión de subprodutos e residuos inorgánicos, a sustentabilidade da produción, o impulso da gandería extensiva, a busca de novos cultivos rendibles e o redimensionamento das producións. Nese senso, falouse de adaptar a produción ás características do territorio, de facilitar os cambios de uso, de sincronizar a velocidade da gandería e a agricultura e de reorientar as explotacións gandeiras cara a métodos de produción máis respectuosos co medio, apostando pola colaboración entre todos os axentes implicados e por unha mellora na formación e o asesoramento a disposición de todos eles.

No que respecta á agricultura, marcáronse como principais retos a produción sostible, a diversificación de cultivos, a modernización de infraestruturas e o impulso dun plan de regadíos, a aposta pola transformación dos produtos agrarios en orixe e o fomento de modelos de cooperativas ou de asociacionismo para a promoción dos produtos mediante novas vías de comercialización. Tamén se considerou relevante a ordenación do territorio e dos usos do solo, a mobilización das terras abandonadas, a creación dun centro de tratamento de subprodutos agrarios e residuos, o incremento da formación e a mellora da coordinación entre a administración e o sector agrario.

Por último, no que atinxe á xestión dos subprodutos, fixáronse como principais metas pechar o ciclo de tratamento destes residuos, diversificar en produtos e tipos de produción e crear infraestruturas específicas para a súa xestión. Nesa dirección, abordouse a importancia de apostar por modelos da gandaría máis sostibles, por actuacións nas instalacións de almacenamento de xurros nas granxas e por impulsar o sistema de recollida e tratamento de residuos agrogandeiros. Así mesmo, sinalouse que cómpre incrementar o orzamento en I+D+i e a transferencia de tecnoloxía neste ámbito, así como o reforzo da formación non regrada e o asesoramento por parte dos centros de investigación.