Obradoiros

A Xunta sinala que os obradoiros de emprego ofrecen formación especializada

A iniciativa ofrece cualificación nas especialidades de Operación auxiliar de revestimentos continuos en construción e Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes

Óscar Gómez

Ourense |

Pablo Casal en Pereiro de Aguiar | xunta de galicia

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, visitou en Pereiro de Aguiar aos alumnos e alumnas que están a participar no obradoiro de emprego Terra de Mosteiros 2019, cuxa actividade vén de retomarse tras a pandemia da covid-19. Casal puxo en valor estes programas que desenvolve a Xunta en colaboración cos concellos galegos, xa que lembrou que combinan a formación especializada cun contrato laboral, ao tempo que os participantes teñen a posibilidade de obter un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.

En Terra de Mosteiros 2019, un total de 20 alumnos e alumnas estanse a cualificar nas especialidades de Operación auxiliar de revestimentos continuos en construción e Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes. Os participantes, a través da formación, están a realizar diferentes actuacións como son a reforma interior do local social de Chaodarcas de Abaixo e tratamentos silvícolas na senda fluvial do Loña.

O director xeral lembrou que unha formación para o emprego axeitada permite responder ás principais demandas dos novos mercados laborais no novo escenario económico poscovid-19 e apuntou á formación como dinamizadora do emprego de calidade e da inserción laboral da mocidade e das persoas con máis dificultades para atopar un emprego.

Na visita, Casal informou aos participantes da resolución do programa de emprego para persoas mozas na que participarán a partir deste mes 300 menores de 30 anos. A Xunta vén de seleccionar os 19 programas que se desenvolverán para o que se tiveron en conta criterios como que o municipio beneficiario fose resultado dunha agrupación, fusión ou se tratase dun Concello Emprendedor. Tamén se valorou que os proxectos estivesen relacionados coas TIC e coa economía dixital e que gardasen relación co tecido empresarial do territorio, así como as posibilidades de inserción laboral.

Una vez seleccionados os programas, levarase acabo agora unha selección dos 297 participantes a través das oficinas de emprego, na que se terá en conta, ademais da idade, a experiencia laboral previa, a permanencia no desemprego ou o nivel de cualificación. Darase prioridade a aquelas persoas mozas que non recibiran previamente atención por parte do Sistema nacional de garantía xuvenil. O alumnado obterá formación e, ademais, disporá dun contrato de traballo. Así, percibirán un salario durante a súa participación na actividade ao longo de 12 meses.