A Xunta solicita axudas ICO para o sector do viño
José González tamén solicitou achegas para o sector da carne de vacún, ao constatar unha baixada nos prezos con respecto á situación previa á emerxencia sanitaria
- A Xunta solicita ao Goberno central que habilite unha liña específica de préstamos avalados polo Estado a través do Instituto de Crédito Oficial (ICO) para o sector do viño de cara á vendima deste ano. Neste senso, o conselleiro do Medio Rural, José González, trasladoulle ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no seo do Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios, a necesidade de poñer sobre a mesa un paquete de achegas para reverter, na medida do posible, os efectos e perdas ocasionadas neste sector debido ao peche da canle Horeca, unhas das súas principais vías de comercialización, de cara a asegurar a vendima do 2020 e garantir a compra de uvas aos viticultores.
Neste senso, o conselleiro sinalou que as axudas aprobadas polo Ministerio de 90 millóns de euros para este sector produtivo non cobren as necesidades do sector galego, debido a que as medidas aprobadas non se adaptan ás demandas de Galicia nin á súa realidade, pois a cantidade que recibirá a nosa comunidade para as súas denominacións de orixe é irrisoria para as máis de 20.000 familias que viven do viño en Galicia. Así mesmo, José González aproveitou para solicitar a posibilidade de poñer en marcha unha campaña de promoción específica para o viño que poidan lanzar directamente os propios consellos reguladores.
Sector da carne de vacún
Do mesmo xeito, a Xunta solicitou tamén ao Goberno central que habilite axudas directas para o sector vacún de carne, tamén afectado pola emerxencia sanitaria ao constatar unha baixada nos prezos de venda con respecto á situación anterior á crise sanitaria. Ao igual que o sector vinícola, o vacún de carne viuse moi afectado polo peche da canle Horeca (hostalaría e restauración). Unha situación, sinalou o conselleiro, que debe ser afrontada tamén polo Goberno central mediante unha liña de
achegas específica que permita solventar este problema e reactivar o fluxo económico neste sector. Tamén lle trasladou que se está estudando o impacto sectorial noutros ámbitos do cárnico.
O titular de Medio Rural subliñou que o sector da carne é un dos principais motores económicos de Galicia e precisa ser atendido ao igual que o resto. A nosa comunidade ocupa –cun 15% do total– o terceiro lugar de España en produción no sector do vacún de carne, sendo só superada por Cataluña e Castela e León. Ademais, Galicia é a segunda autonomía en número de cabezas de gando, cun 16% do total, despois de Castela e León.
A maiores, en canto ao número de reses sacrificadas, Galicia está en terceiro lugar, con 400.280 animais, tras Cataluña, que ostenta o primeiro posto, con 525.139, e Castela e León, que contabiliza 427.991. Así pois, estes tres territorios concentran máis da metade da produción total de España, que se sitúa nos 2,3 millóns de cabezas.
Doutra banda, o conselleiro sinalou que é preciso asegurar que o Real Decreto Lei recentemente aprobado que modifica a cadea alimentaria garante prezos que cubran os custos de produción aos operadores do sector primario, obrigando así a cada operador da cadea a pagar ao anterior un prezo igual ou superior ao que lle custa producir.
Axudas para a planta ornamental
Finalmente, o titular de Medio Rural agradeceu ao Goberno central que tivera en conta as demandas de Galicia para o sector da planta ornamental, habilitando achegas por valor de 10 millóns de euros. Cómpre lembrar que a Xunta remitira unha carta ao Ministerio para solicitar axudas directas para este eido produtivo, moi afectado pola emerxencia sanitaria ao ser o único no que as tendas de flores e viveiros estiveron pechados dous meses, acumulando perdas cuantiosas.