Infraestruturas

A Xunta solicita a reapertura no túnel do Folgoso pola vía de emerxencia da A-52

O desvío aumenta en máis de media hora a viaxe, prexudicando ao transporte e aos usuarios que se dirixen ao traballo ou cara á servizos sanitarios ou educativos

Óscar Gómez

Ourense | 11.02.2021 08:51

A Xunta solicita a reapertura no túnel do Folgoso pola vía de emerxencia da A-52
A Xunta solicita a reapertura no túnel do Folgoso pola vía de emerxencia da A-52 | La Region

A Xunta solicítalle ao Ministerio de Transportes o restablecemento da circulación no túnel do Folgoso da autovía A-52 na Cañiza pola vía da emerxencia para paliar o impacto económico e social que está a provocar este peche no sur de Galicia.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, vén de remitirlle ao Secretario de Estado de Infraestruturas, Pedro Saura, unha carta na que lle demanda información sobre os procedementos e prazos previstos para resolver esta situación que afecta a sectores estratéxicos como o transporte ou incluso ao sistema sanitario.

Cómpre lembrar que nas últimas semanas permanece pechado ao tráfico o túnel do Folgoso, na Cañiza, en sentido Ourense, tras o incendio dun camión na autovía A-52. Este corte obriga aos usuarios a desviarse 23 quilómetros a través da estrada N-120, que conta cun só carril por sentido con cruces e inclúe o tránsito polo propio casco urbano.

Na carta remitida pola conselleira concrétase que este desvío ocasiona un incremento de tempo de percorrido, que pode chegar a ser de máis de media hora, afectando ao sector de transporte de mercadorías e tamén aos usuarios que se dirixen ao traballo ou acceden a servizos básicos como a sanidade e a educación. A conselleira resalta a máxima preocupación da Xunta ao terlle trasladado os profesionais sanitarios que este peche está dificultando unha resposta axeitada ante posibles urxencias.

A autovía A-52 rexistra, en condicións normais, un tráfico medio de 16.640 vehículos ao día. Non obstante, actualmente esa intensidade viuse reducida polas restricións derivadas da crise sanitaria, polo que as persoas que se desprazan entre Vigo e Ourense fano por razóns de necesidade xustificada. Ademais, Ethel Vázquez recorda que non existe alternativa ferroviaria axeitada entre Ourense e Vigo para darlle resposta aos desprazamentos neste traxecto.

Lembra que esta conexión de tren sofre constantes incidencias, como as acontecidas onte mesmo, polo que cómpre unha acción decidida por parte do Goberno de España para impulsar o Corredor Atlántico de Mercadorías e para modernizar esta liña paralela ao río Miño, dada a súa precariedade, inseguridade e deterioro, e tendo en conta que actualmente esta é a principal conexión ferroviaria de Vigo con Madrid, despois dos reaxustes de operacións de trens realizados por Renfe.