A Xunta e o Concello de Lobios destacan a oportunidade de lanzar proxectos que convertan ao Xurés nun parque natural máis resilIente e inclusivo. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa, Carmen Yáñez, mantiveron unha reunión na que abordaron os proxectos que poderán impulsar ambos departamentos para mellorar os equipamentos e a conservación do patrimonio deste espazo natural.
Vázquez Mejuto indicoulle que o seu departamento asumirá como actuación directa a creación dunha senda peonil de 2,85 km para persoas con diversidade funcional na contorna do balneario da Corga da Fecha. En todo caso, solicitou ao Concello a revisión do proxecto, co fin de que sexa totalmente acorde á normativa relativa a este tipo de iniciativas e poder licitar as obras, para as que se estima que será necesario destinar preto de 70.000 euros.
A conselleira avanzoulle que se aproveitarán os fondos europeos que xestiona a Xunta para impulsar este camiño inclusivo, que “de seguro se exportará a outros parques naturais de Galicia”.
Así mesmo, ambas coincidiron no papel relevante deste espazo natural, polo que apostaron por desenvolver proxectos que o convertan nun parque de cero emisións e que melloren a súa capacidade de resiliencia.
Tamén destacaron o seu peso na contorna local, xa que representa un punto de encontro e de descanso para os veciños, polo que consideraron positivo levar a cabo actuacións que impliquen a creación de miradoiros, mellorar a sinalización xeral do parque e dos roteiros en particular; así como traballos de limpeza e mantemento.
Por último, a conselleira felicitou ao Concello de Lobios por incluír na súa planificación de conservación e mellora deste espazo a creación de ciclovías e ecovías, coas que achegar a beleza paisaxística do parque e divulgar os valores do mesmo; ao tempo que sitúa a Lobios como un concello referente do turismo sostible e de natureza.