Cultura

XXXIX Premio Celanova Casa dos Poetas

A Deputación celebra a concesión do XXXIX Premio “Celanova, casa dos poetas” á Buciños, “un referente senlleiro da nosa cultura”.

Óscar Gómez

Ourense | 20.03.2023 10:24

XXXIX Premio Celanova Casa dos Poetas
XXXIX Premio Celanova Casa dos Poetas | onda cero

O deputado provincial Pablo Pérez asistiu en Celanova á reunión do padroado da Fundación Curros Enríquez que, entre outros asuntos incluídos na orde do día, acordou conceder por unanimidade o XXXIX Premio "Celanova, Casa dos Poetas", á Manuel García Vázquez “Buciños”, pola súa “longuísima traxectoria no cumio principal da arte escultórica galega, como transformador que ten sido das formas lisas e apacibles da madeira, o bronce e a pedra, mimetizadas subliminalmente coas da nosa propia orografía das nosas serras e das que emerxen figuras que transmiten sensibilidade e harmonía dun xeito moi persoal”.

Pablo Pérez, que asistiu á convocatoria en representación do presidente Manuel Baltar, celebrou a concesión deste galardón a Buciños, “fillo adoptivo da provincia de Ourense, un referente senlleiro da nosa cultura, un artista fundamental pola súa renovación da escultura contemporánea e especialmente comprometido con Ourense e Galicia”.

O deputado tamén subliñou a participación da Deputación de Ourense na Fundación Curros Enríquez, “vital na dinamización da comarca e a propia provincia de Ourense, como demostran as máis de 13.700 persoas participantes nas súas actividades ao longo de 2022 e cun fondo legado de compromiso cultural no que ten, e terá, sempre ao seu carón ao goberno provincial”.

A reunión do padroado da Fundación incluíu na súa orde do día a presentación da memoria de actividades correspondente ao pasado ano, a aprobación dos orzamentos para o presente exercicio e o programa de actividades para 2023.

O padroado da Fundación Curros Enríquez está presidido polo Concello de Celanova e forman parte do mesmo a Deputación de Ourense, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, A Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, as universidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña, ademais dunha vintena de persoas a título particular procedentes dos máis diversos ámbitos.