Obras

As obras da conexión do Poligono de San Cibrao das Viñas coa A-52 avanzan coas medidas de protección

Os operarios dispoñen de material de protección, manteñen a distancia de seguridade esixida e extreman as medidas de hixiene

Óscar Gómez

Ourense | (Publicado 16.04.2020 08:47 )

Obras de conesión da A-42 co Polígno de San Cibrao das Viñas | xunta de galicia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou que as obras da conexión do polígono de San Cibrao das Viñas coa A-52 avanzan coas medidas de protección axeitadas e ao ritmo necesario para o seu remate no verán. Vázquez Mourelle, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, mantivo unha videoconferencia co equipo responsable do proxecto para supervisar o seu avance e as medidas de prevención da saúde adoptadas por mor do COVID-19.

Nesta reunión, na que participaron o alcalde de San Cibrao das Viñas, Manuel Pedro Fernández, e representantes da Asociación de Empresarios, abordouse o reinicio este luns das obras, logo de dúas semanas paralizadas polo estado de alarma reforzado decretado polo Goberno. A responsable de Infraestruturas subliñou que se teñen adoptado as medidas de seguridade necesarias para o desenvolvemento dos traballos de acordo aos protocolos e recomendacións sanitarias.

Concretou que os operarios dispoñen de material de protección, están a traballar mantendo a distancia de seguridade esixida, extremando as medidas de hixiene e con protocolos para as zonas comúns. No que se refire ao progreso dos traballos, destacou que xa se atopan ao 90% da súa execución total, pois actualmente o movemento de terras está practicamente rematado ao igual que as estruturas.

Obras de conesión da A-42 co Polígno de San Cibrao das Viñas | xunta de galicia

Sinalou que o viaduto do rego de San Benito está finalizado, pendente só de pequenos remates, e avanzou que a previsión é poder realizar a proba de carga en maio.

Apuntou que tamén se ten iniciado o estendido de firme nalgúns puntos e onte mesmo se retomaron estes traballos no ramal de entrada desde Ourense e parte da futura glorieta. A conselleira puxo en valor este novo viario, cun investimento da Xunta superior aos 21 millóns de euros, que reducirá en máis do 60% o percorrido actual entre o polígono e a autovía que vai a Madrid.

Salientou que esta actuación é estratéxica e suporá o incremento da seguridade viaria, a mellora da conectividade coa autovía de Celanova e o reforzo da competitividade de toda esa zona. A ese respecto, apuntou que a situación actual evidencia aínda máis a importancia da capacidade loxística para prestar servizos axeitados á poboación.